A doniña cerva 

Castelo de Doiras  (Guía da Galiza Máxica)

No castelo de Doiras (Concello de Cervantes) moraba un cabaleiro de nome Froiaz, con dous fillos: Egas e Aldara.

O fillo doutro señor dun castelo veciño namorouse de Aldara. O seu amor foi correspondido e, parecéndolle ben aos seus pais, o casamento anunciouse.

Un serán botouse en falla a Aldara no castelo. Pai e irmán, criados e escudeiros, mesmo o seu namorado acompañado das súas xentes, foron na súa busca por montes e bosques, por pallozas e caseríos... despois dalgúns días de pescudas infrutuosas, deron por definitiva a perdida de Aldara, maxinando que sería morta por algún xabarín, algún oso, ou devorada polos lobos.

Un día Egas, estando de cazaría, albiscou unha fermosa cerva branca. Armou a súa balista e dun disparo único e certeiro rematou coa vida do animal, pero non se decatara de que era imposible leva-la ate o castelo polo seu peso excesivo (ou, se cadra, porque a neve dificultaba o transporte), así que cortou a pata dianteira da cerva (para sinalar que o animal lle pertencía, ou para poder mostrar un trofeo que dera conta da fazaña). E cando foi amosarlle o seu pai pata, contándolle o seu éxito atinxindo, arrepiados, viron como, en lugares da pata, o que Egas sacou da bolsa fou unha man; unha man fina, branca, suave; unha man de doncela fidalga. E nun dos dedos daquela man relocía un fermoso anel de ouro no que se encastoa unha pedra roiba. Pai e fillo lembraron que aquel era o anel da malfadada Aldara.

Con ánimo dorido correron monte arriba, para o lugar onde Egas dera morte á cerva. Alí atoparon, tendido no chan, o cadáver de Aldara, á quen lle faltaba unha man.

Algún mouro debeu encantala en figura de cerva, e a morte encarregouse de voltala ao seu estado natural de doncela. Pero endexamais puido saberse a razón.

Escudo dos Cervantes (Guía da Galiza Máxica)

Un relato semellante ao galego coñécese en Bretaña, coa diferencia de que alí a moza resulta escuartexada e servida nun banquete ("Galicia" - Manuel Murguía). No ciclo artúrico relátase cómo Galaaz, Bores e Perceval chegan a unha fraga e ven pasar perante deles un cervo branco que vai protexido por catro leóns. Os cabaleiros seguen os animais e, ao chegaren a unha ermida na que un bondoso home vive, o cervo branco muda cabaleiro ("A demanda do Santo Graal" - Manuscrito anónimo do século XIII). Bouza-Brey e Vicente Risco teñen sinalado, alemparte, o carácter de mal agoiro que posúe en Galicia a cor branca en animais que non adoitan ter esa cor.

"Guía da Galiza Máxica" - Vitor Vaqueiro


Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...