O Santo Grial en Pedrafita

 
 

  Na mitoloxía celta documéntase con frecuencia a existencia de vasillas e mesmo armas que posuían propiedades máxicas. Dagda, fillo de Danann, tiña no seu poder un caldeiro coa propiedade de resucitar os mortos. De feito, un relato galés refire que o rei Artur, o mesmo que fixeran Orfeo ou Xilgamés, descé aos infernos para se apoderar do caldeiro máxico. 
 
    Este mito ten o seu paralelo dentro do corpo mitolóxico cristián na figura do Grial, ou Graal. 

  O Graal é o vaso, ou cálice que emprega Xesucristo na Derradeira Cea para beber e que Xosé de Arimatea utilizou para recoller o sangue do Mestre cando agonizaba no Gólgota, transportándoo, a seguir, á Gran Bretaña, onde se perdeu a súa pista.

  Outras versións do mito estipulan que Satanás, ao ser expulso do Paraíso, deixou caer unha enorme esmeralda, que fou a materia prima da construcción do Graal. O seu garda é o Rei Pescador que fica ferido, mergullado na máis absoluta inmobilidade, e nun estado fronteirizo entre a vida e a morte, non achándose, propriamente, nin vivo nin morto.

(Arthur Cotterell, "Enciclopedia ilustrada de mitos y leyendas")  
 
 Como queira que fose, a proucra do Graal resulta unha das máis sonadas xestas da materia de Bretaña.  

 Segundo a lenda, o rei Artur está con todos os seus cabaliros da táboa redonda cando entra misteriosamente na estancia, pendurado do ar, sen que ninguén vexa quen terma del, e cuberto dun veludo branco, o santo Graal. O pazo fica ateigado de excelente fragancia, o Graal paira en volta das mesas e, sen que ninguén saiba como, desaparece. Entón Galván promete comezar a procura do Graal, ao que se suman os demais cabaleiros ("A demanda do Santo Graal" Manuscrito anónimo do século XIII) 
Debido a que todos están, en maior ou menor grau, en estado de impureza ninguén acada este obxetivo. Lanzarote consegue velo, mais polo seu pecado de adulterio con Xenebra, esposa de Artur, un vento ardente abrásao. Só o seu fillo Galaaz atinxe a contemplación do vaso santo. 
 

Vitor Vaqueiro, "Guía da Galiza Máxica"
 
 
    No seu castelo do condado de Bretaña, o rei Artur reune ós seus cabaleiros, os mais famosos polas súas fazañas, en torno á mesa redonda. Alí estan todos menos un; no espacio que se lle reserva hai unha tarxeta que dí: "Galaaz, o Agardado".
    Con todo o rei Artur, sen referirse a esto, diríxese aos seus homes dicíndolles:
    - Esta noite, durante o meu sono, o Seño apareceuseme e ordenoume que pedira aos meus cabaleiros que estiveran limpos de todo pecado, que fosen en busca do cálice do Santo Grial; o cálice misterioso onde Xesucristo deu a beber o propio sangue aos seus apóstoles na Derradeira Cea; a copa milagreira onde apagó o Señor a súa sede do martirio.
    Erguéronse tódolos cabaleiros, espiron as súas espadas e, coas mans postas sobre a cruz das empuñaduras, xuraron encamiñarse por tódolos vieiros do mundo en busqueda do vaso sagrado. E todos, cheos de fe, dispuxéronse a partir. Mais naquel instante abríronse as portas e, como nimbado por unha luz extraterrea, apareceu na sala Galaaz, "O Agardado".
        (...)
    E despois de pasar todos xuntos a noite en oración, ao amencer, e ouvida a santa misa, cabalgaron cada un por diferente camiño.
    O último en partir foi Galaaz
        (...)
    E ao tempo que Galaaz se achegaba ás areas da praia, unha nave soitaria foi parar alí. ¡O, ledicia i espranza! ¡Oh, ventura do mozo pregrino!, que divisou entón un cálice de ouro bordado na brancura da vela daquela nave. E unha cruz vermella no alto do mástil. E unha estrela de prata fulxinto claridades na proa, como luz do camiño sobre as ondas do mar.
    Galaaz entrou naquel barco, que epmrendeu nova viaxe con rumbo a Levante. E o barco navega cara adiante, cara adiante, movido por unha suave brisa. A barca milagreira, cruzando soitaria o mar, ao cabo de dous días foi atracar ao pe dun gran penedo, nunha nova costa; pero, ¿en que lugar da Terra? Iso Galaaz non o sabía; mais, ao extender a súa mirada polo espacio, viu que descendía das nubes, como raio de sol, unha espada escintilante que parecía ofrecérsella, cecais forxada por ánxos ou xigantes; porque a tal arma caía sobre o penedo e nela quedou, abrindo unha fenda como unha profunda ferida, na que permancecía cravada.
    Á vista daquela milagre, o xove cabaleiro, sentindo palpita-lo seu peito, axeonllouse e, levantando ao ceo a súa limpa mirada, rezou con devoción; despois ergueuse e foi coller aquela espada que tan milagreiramente se lle aparecía, como oferta do Ceo.
    O penedo abriuse ao retirar a espada; pero, sin reparar niso, o xove cabaleiro ceñiu a arma nas costas; despois viu entre as dúas partes graníticas un camiño no que florecían rosas ás súas beiras e que se alongaba ante el, invitándoo a seguir aquel vieiro. (...)
    Vendo a un home que labraba no campo, saudoulle complacido dicíndolle:
    - Sálvete Deus, señor, e que fructifique con abundancia a semente.
    - Que Deus lle pague o bo desexo -respostoulle o labrego - e que lle depare a felicidade que merece.
    - ¿E queres decirme qué terra é ista? Placeríame sabelo.
    - Ben se ve que o cabaleiro é forasteiro. Pois camiña por terra de Galicia.
        (...)
    É o Venres Santo, nove días despois da súa saída do castelo do rei Artur, cando Galaaz arriba a unha meseta do monte (...) Susurra o vento suave e o cabaleiro sube ate a cumbre do Cebreiro.
    Alí, no mais alto, abríndose as portas de par en par, é acollido aquel cabaleiro, que humildemente se axeonlla ante o altar e rinde a espada.
    Ao alzar a frente o cabaleiro, ven a milagre os seus ollos. Pois alí mesmo, sobre o ara do altar, relumbra o cálice santo, o cálice do Santo Graal, ca fresca sangue vermella que en él se ven conservando anos e anos por unha milegre de Deus.
Leandro Carré Alvarellos. "As lendas tradicionais galegas"

    Nas altas cumes da serra, no Cebreiro, provincia de Lugo, está a aldea de Pedrafita. Alá polo ano 1300, había un cura nesa parroquia que non era quen de crer que o pan e o viño puideran converterse no corpo e sangue de Xesus Deus. E aconteceu que un día, estando o cura celebrando a misa, non había ninguén na igrexa, debido a unha tormenta que impedía á xente saír das súas casas. Pero tendo consagrada a hostia e o cálice, alguén entrou apresuradamente na igrexa.
    O sacerdote mirouno con sorpresa, e asombrado murmurou "¡Pobre home!, ¡vir con este tempo somentes para postrarse ante un pouco de pan e viño!"
    Pero estremeceuse e viu, horrorizado, como a branca pastilla convertíase nun trozo de carne sangrante que parecía recén cortada dun corpo vivo, e o viño do caliz comezaba a facerse mais espeso e cheiraba a sangue.
    O cura caeu de xeonllos ó pe do altar, desplomándose no chan. Morto.

  As reliquias deste milagre están na igrexa de Pedrafita do Cebreiro, conservándose en dúas ampolas de vidrio e prata.
 


Nota: Segundo unha mensaxe que recibín no meu buzón (¡graciñas, Mónica! ;D ), "A lenda do Santo Graal non é de Pedrafita senón da igrexa de Sta Mª Real do Cebreiro,son dúas poboacións independentes,unha é Pedrafita do Cebreiro e outra O Cebreiro e distan uns cantos kilómetros entre ambas."

Nesta páxina podedes atopar máis información sobor da Materia de Bretaña en Galiza.


Páxina anterior
Páxina Principal
 
 

O que sexa...

Hosted by www.Geocities.ws