Coiro galego / Etnografía / Xocas

Texto e debuxos recollidos da obra etnográfica de Xaquín Lorenzo (1907-1989)

xocas | peneireiros | os mallos | albardeiros | zapateiros | mulidas | coireiros (1) (2) (3) (4) 5

coireiros, piliteiros ou curtidores (V),
por Xaquín Lorenzo, Xocas .........................................................anterior coireiros, piliteiros ou curtidores (IV)

......O saíren os coiros da derradeira tinalla, vólvense a esparrar e logo engrásanse.
......Esta angueira faise deitando os coiros, coa fror cara arriba, nunha mesa de engrasar, armada con táboas sobor de dous cabaletes. Logo, con saín, aceite de sardiña, vaise untando por meio de rollas de trapo. Engrasada a fror, lévanse a un campo e repétese a operación, mais agora con borras de sardiña prensada e non pola fror senón pola carnaz. Déixanse elí un día e logo van ao secadeiro, que é unha dependencia outa, ben ventilada, coas paredes de táboas que deixan fendas antre sí para que pase o ar, e provista de paus horizontás dos que se dependuran os coiros colgados pola mitade. Con obxeto de aforrar traballo, o campo en que se engrasan os coiros está ó pé do secadeiro e rúbense a il por medio dunha roldana posta en calquer fiestra. Elí quedan uns días até secaren o preciso prós mazar.

......Mázanse embrullándoos un a un e baténdolles co mazadoiro, que é unha sorte de martelo de madeira coas caras de bater formadas por saíntes prismáticos.
......Logo, ráspanse coa táboa e o coitelo de raspar, semellantes ós de aprimar, anque o coitelo é algo máis pequeno e ten o fío máis curto. Nesta operación sácaselle a raspa pra suavizalos.
......Despóis de raspado, remátase, operación que comprende tres partes: decruar, franquear e arrasar, nas que somente varía o grandor da ferramenta de corte empregada, que vai de pequena a grande.
......Pra rematar, ponse o coiro nun aparello formado por un largueiro antre dous cabaletes, a dous metros de outo. No largueiro préndese o borde do pelico por meio duns ganchos de madeira que levan dependurada unha pedra por meio dunha cadea pra non deixar escapal-o coiro.
......O rematador colle o borde ceibe e préndeo cunhas tanazas de rematar que leva xunguidas a un cinto que se il pon; as tanazas poden seren de madeira ou de ferro e fanse de tal xeito que canto máis se puxa por elas, máis apertan o que teñen preso.





Ferramentas dos coireiros

......Despóis, o obreiro colle a luneta coas dúas mans e vai traballando o coiro.
......As lunetas son unhas coitelas en forma de coroa circular, lixeiramente cónicas e con toda a veira afiada coma unha navalla barbeira. Cóllese polo burato central, que leva protexido cun forro de coiro pra que non manque.
......Coménzase, coma dixemos, pola decrúa, con luneta pequena; séguese coa franquea, con luneta de meio grandor, e remátase coa arrasa, prá que se emprega a luneta meirande.
... ..Unha vez rematadol-os coiros, esbéiranse nunha mesa baixa e incrinada cortandollel-os pelos que lles quedan darredor cunhas tixeiras.
.... .Na mesma mesa de esbeirar, alómbanse pasándolles unha peza de pau pra lles quital-as enrugas que teñan; a peza empregada pra elo chámase estira.
......A seguir, dóbranse; primeiro un extremo contra o centro e logo o outro no mesmo senso. Estas doreces córchanse, baténdolles cun mazadoiro de cortiza que se colle coa man. Pra remate, dóbrase de novo pola metade e córchase de novo, sácase da mesa e gárdase pra vender cando conveña.
......Iste traballo do curtido ou encurtido atópase hoxe simplificado polas modernas máquinas e os productos químicos que se empregan.
......Nos nosos días cúrtese mais aixiña e con menos traballo, mais preciso é recoñecer que os coiros són ben máis ruins do que eran endenantes.

...........................

anterior coireiros, piliteiros ou curtidores (IV)


.subir..

Se tes máis información deste tema que deba estar aquí, colabora con nós

.Colabora con nós, serás benvido. Precisamos da túa experiencia.
[email protected]

Hosted by www.Geocities.ws

1