Santorini ou Thira é unha das illas
máis transitadas do Exeo pola súa espectacular beleza natural e os seus restos
arqueolóxicos. Pode resultar un suplicio para o desprevenido viaxeiro que pretenda
evitar a marea de turistas que a invaden, pero os seus 76 km2 tamén permiten unha visita sosegada
Un
fenómeno xeolóxico de intensidade devastadora, a erupción volcánica acaecida en
torno ó ano 1500 a.C., supón un punto de inflexión definitivo na historia da
illa. Aínda que o cataclismo provocou a
completa desaparición da avanzada civilización que nela xurdira, as
cinzas volcánicas permitiron a magnífica conservación da cidade cicládica de
Akrotiri, unha verdadeira Pompeia do Exeo, e o formidable movemento
telúrico conformou unhas paisaxes únicas.
As
prospeccións arqueolóxicas, comezadas a mediados do século pasado, deben parte
do seu éxito ó azar. No 1866, cando o enxeñeiro Ferdinad de Lesseps daba comezo
á fabulosa empresa da apertura da Canle
de Suez, acudíu á illa para abastecerse de grandes cantidades daquela terra de
Thera de extraordinarias cualidades hídricas. A apertura da canteira sacou á
luz os primeiros restos de época prehistórica. Sucedéronse as expedicións
arqueolóxicas ata que en 1967 Spiridon Marinatos atopa os primeiros indicios
dunha importantísima cidade da Idade de Bronce en magnífico estado de
conservación. A prematura morte do científico en 1974 mentres traballaba no
sitio arqueolóxico leva ó tamén grego
Dumas a facerse cargo duns traballos que aínda hoxe continuan.
Paralelamente desenvolvéronse as prospeccións no outro gran centro arqueolóxico
da illa, o que alberga a Antiga Thera.
Os restos da cidade de Akrotiri actualmente
excavados ocupan una extensión de 10.000 metros cadrados e remóntanse ó Heládico Primitivo. Unha capa
de cinzas de ata 30 metros de espesor permitiu a perfecta conservación non só
de muros senón tamén de frescos, cerámica, mobles e ata comida no sitio onde os
seus habitantes os deixaron. Deste modo podemos reconstruir con certo grao de
fiabilidade a vida daquel pobo e deducir algúns aspectos da súa organización
socio-política. Ademais, da ausencia de cadáveres, xoias e outros obxectos de
valor e do estado das construccións, concluimos que, un ano antes da erupción,
tivo lugar un terremoto que empuxou ós seus habitantes a abandoar a
illa. Unha reconstrucción parcial das edificacións indica a presencia dun
reducido grupo -os denominados trogloditas- que emigrou definitivamente ante a
inminencia da catástrofe.
A disposición da cidade e
a ausencia dun pazo parecen indicar a existencia dunha clase dominante que
asumiría tamén o poder relixioso e habitaría no piso alto dos edificios, mentres o baixo estaría reservado ás instalacións
industriais e residencia dos traballadores. A presencia nos baixos de almacéns
comunais apuntan a existencia dalgún tipo de economía colectiva.
Pero son os frescos, situados
fundamentalmente no piso superior das edificacións, os obxectos máis
significativos e artísticamente máis conseguidos. Trátase das pinturas mellor
conservadas do Exeo, tan só comparables na época prerromana ós frescos prehistóricos do S. de Francia e N. de
España e ás tumbas etruscas e ás exipcias da Época Media e Nova. A obra dos
conservadores gregos- formados durante longos anos na restauración das pinturas
bizantinas- foi fundamental para a súa consolidación. Os frescos, atopados na
súa meirande parte in situ, desprendéranse do muro no que estaban
fixados polo que, logo dun cuidadoso tratamento químico, foron trasladados a un
novo soporte análogo ó tamaño da representación e fácilmente transportable.
A perfección técnica e artística das obras
conservadas é froito dunha longa experiencia que podemos xa observar -mil anos
atrás- nos ídolos cicládicos, obra de artistas variados formados nunha mesma
tradición, nunha verdadeira comunidade cicládica que, na súa organización
urbanística e modelos artísticos, sempre acudíu á medida do home.
Técnicamente o muro sobre o que se ía
aplica-lo fresco requería un alisamento mediante barro, ó que seguían varias
capas de cal, cada vez máis finas e diluidas. A cor aplicábase ben mediante a
técnica do buon fresco - mediante grandes brochas sobre a superficie
mollada- ou mediante o sistema de fresco
secco - aplicación da cor mediante colas orgánicas que probablemente incluían como un dos seus
compoñentes a clara de ovo. A análise dos pigmentos revela a súa orixe mineral:
o blanco procede do cal, o vermello de
terras ferruxinosas e o amarelo do ocre. O negro ten orixe descoñecida e os
dous tipos de azul teñen unha dobre procedencia: o un importado de Exipto
(mistura de pirita, óxido de cobre e cal) e o outro con orixe na glaucofana. Non está ainda probado o uso da
azurita, mineral presente na illa.
Unha
atenta mirada ás cores destas pinturas revela novos datos. Malia o brillante
corido que parecen desplegar, en realidade a paleta cromática é reducida:
amarelo, vermello, azul e negro. E aínda que os artistas non misturaron de
xeito sistemático estas cores para conseguir outras novas (non hai restos nos
frescos de verde, mistura de azul e amarelo) conseguiron sen embargo unha
poderosa sensación de policromía rodeando dun trazo negro os contornos. Tal
limitación cromática impuña certas convencións: o amarelo claro representaba a
cor verde clara das follas de certas plantas; o azul representaba o gris escuro
das ás dos paxaros ou a pel dos delfíns; as mulleres aparecen representadas
cunha cor blancuzca e os homes nun ton vermello,convención esta de gran éxito
na arte posterior.
O
ámbito espacial no que atopamos os frescos pertence a dúas categorías:
edificios públicos e privados, claramente diferenciables polas súas dimensións
e estilo. Nos edificios privados as representacións pictóricas atópanse sempre
na planta superior, xa que a inferior estaba adicada a almacenaxe ou
transformación de alimentos. Nos públicos, en cambio, non é raro atopar frescos
nas dúas plantas. A relación dos frescos coa súa ubicación indica a existencia
dun programa iconográfico definido: existe clara relación entre as pinturas e a
función do local no que se insertan - nas zonas dedicadas ás relacións sociais
dos membros dunha familia ou nas zonas adicadas á realización de determinadas
cerimonias nos edificios públicos. O espacio dividíase en tres zonas: a
inferior, a media - a representación en sí- e a superior - meramente
ornamental. Era norma a extensión do tema máis aló dun muro e ainda, rasgo
característico da pintura cicládica, mais aló
dun habitáculo.
É
evidente a intención dos artistas por reflectir fielmente o mundo natural: son
perfectamente recoñecibles os mirtos e os canavais, as palmeiras, o azafrán, o
león e o mono, os antílopes, os patos, a pomba e o delfín, montes e rochas, as
beiras dos rios e do mar,
as texturas dos ricos vestidos e da indumentaria
de faena. Con todas as limitacións que lle impuña a súa
técnica, tratan de individualizar ós seres
humanos. De tódolos xeitos son evidentes as dificultades do artista para a
representación das mans e dos pes en determinadas perspectivas, así como para
dotar ás súas obras de perspectiva.
Acúdese nestes casos ó sistema,
xa aplicado polos exipcios, de superposición parcial de diversos elementos.
O aire naturalista destas pinturas é,
segundo a opinión dos estudosos, a primeira mostra deste estilo na arte. É unha
pintura chea de espontaneidade que desprende ese enorme vitalismo do Exeo.
Arte, en suma, allea ó sentimiento histórico e diametralmente oposta ó modelo oriental, rigorosamente
controlado, carente de orixinalidade e
pouco proclive á innovación, mero órgano de propaganda para maior gloria dos
deuses e dos seus representantes na terra.
É aínda hoxe en día
difícil de precisar o grado de dependencia da cultura de Tera respecto á
minoica da viciña illa de Creta. Con certeza Creta non impuxo un dominio
militar, pero a súa influencia artística é evidente. De tódolos xeito hoxe en día téndese a aceptar a
orixinalidade da pintura cicládica no ámbito temático, iconográfico e de
execución. Os grandes frescos cretenses son técnicamente máis logrados, e
fronte a eles as pinturas de Tera presentan unha certa rudeza, maior
espontaneidade e unha tendencia á esaxeración que lles confire un carácter
provinciano. Presentan maior libertade compositiva e gráfica e un mundo máis
agreste e popular.
Certos estudiosos teñen
relacionado a refinada civilización de Tera e o seu repentino final coa lenda
da Atlántida que describe Platón nos seus diálogos Timeo e Critias. Descrebe o
filósofo unha refinada civilización que extende o seu dominio ata Libia e o S.
de Italia; realmente tal hexemonía parece corresponder mellor coa
preponderancia cretense. O arqueólogo grego Marinatos, sen embargo, ve no mito
unha evocación do antigo esplendor da illa do Exeo: a explosión volcánica de
Santorini ten nefastas consecuencias en Creta e acelera a súa decadencia. A
presencia nesta illa de cinzas volcánicas procedentes de Thera está confirmada e ata se apunta a súa
presencia en Exipto, segundo una suxestiva teoría que ve nas plagas bíblicas
que asolan Exipto a influencia dos trastornos climáticos provocados pola
fabulosa erupción.
Dimensións:
76 km. cuadrados. 18 km. de lon xitude e de 2 a 6 km. de ancho.
Illotes:
Thirasia, Aspronisi, Nea Kameni e Palea Kameni
Punto
máis elevado:
Profitis Ilias 566 metros.
Habitantes:
8.000
Distancia
ó Pireo :130 millas naúticas
Tempo
aproximado de viaxe dende o Pireo: 7 horas
Comer
Thira:
a experiencia indica que o prezo é proporcional ás vistas que contempledes
dende o prato. Outro parámetro bastante fiable da cualidade da cocina é a
proporción de gregos que visitan o local.
Suxerimos :Dionyssos, xunto á estación de
autobuses e Nikola.
Oia: moi
recomendables as tabernas que ofrecen peixe no porto - aínda que a subida
resulta dura logo dun bo retsina.
Dormir
O máis recomendable é acercarse á Oia, onde
atoparedes mellores prezos e máis tranquilidade. As habitacións que ofrecen
particulares poden ser unha boa solución se concertades previamente as
condicións.
Thira:
Nissos Thira (detrás da estación de autobuses), sen vistas ó mar pero tranquilo
e de prezo razoable; Thira Hotel: edificio antigo que formou parte do mosteiro
católico;.Camping de Thira: para aqueles que durmades como pedras. Marcha
adolescente.
Imprescincible:
Akrotiri e a cercana praia de area vermella , Antiga Thira, Thira moderna e o
seu espléndido museo, Oia (as súas postas de sol atraen a verdadeiras hordas de
turistas) e o pobo de Imerovigli, o cráter do volcán e o illote de Thirasiá .
Transporte:
resulta recomendable o aluguer dunha pequena motocicleta; daravos moita
autonomía e evitaredes os atestados autobuses locais.