En Guadalajara, a 27 de maio de 2001
Diferentes movementos e organizacións sociais coordenados en Plataformas en Defensa do Ferrocarril e de oposición ao AVE, que xurdiron no territorio do Estado español, reuníronse para unificar criterios e coordenar accións de oposición á actual política ferroviaria, baseada na construción de novas liñas de alta velocidade e no abandono do ferrocarril.
Las Plataformas reunidas muestran su total oposición al AVE y exigen la retirada de todos los proyectos de construcción del mismo, por las siguientes razones:
1.- Ten un gravísimo impacto ambiental - A circulación a altas velocidades (até 350 km/h) esixe que o trazado das novas vías sexa rectilíneo, con radios mínimos de curvatura superiores a 5.000 m e pendentes máximas do 2,5%, o que obriga a grandes desmontes, terrapléns, viaductos e túneis, cos seus correspondentes movementos de terra e a proliferación de graveiras e entulleiras, o que supón enormes impactos sobre o territorio, que ficará destruído e segmentado, con graves consecuencias para o medio natural, en especial os espazos e as especies protexidas máis sensíbeis. Destruirá nalgúns sitios unha grande cantidade de terras férteis e aumentará gravemente o risco de asolagamentos.
Ademais, os trens de alta velocidade provocan fortes niveis de ruído e un desproporcionado consumo enerxético, até 6 veces maior có do ferrocarril convencional, que resulta inaceptábel pola súa incidencia negativa no cambio climático (a pesar de que o noso territorio será unha das zonas máis afectadas por este fenómeno) e no aumento da contaminación atmosférica.
2.- Aumenta os desequilibrios territoriais - O AVE é un medio de transporte deseñado para unir grandes cidades, en competencia co avión, con escasas paraxes intermedias. Deste xeito marxina, incomunica e exclúe ás zonas rurais e cidades medias potenciando o seu abandono e favorecendo os procesos de concentración e expansión urbana en escasos puntos fortes do territorio. Deixará sen comunicación por ferrocarril a moitas poboacións que agora a teñen.
Creará un inmenso muro que partirá as comarcas separando á xente das súas terras e dos pobos veciños.
3.- Ten un altísimo custo económico e escasa utilidade social - A construción das novas liñas de Alta Velocidade suporá un desbaldimento de recursos públicos (6,8 billóns de pesetas orzamentados até 2010) totalmente innecesario que haberemos de pagar entre todos e todas e que non está xustificado por ningunha utilidade social ou económica, cando hai necesidades moito máis perentorias nos ámbitos sanitarios, educativo, de protección social, etc. Abonda dicir que cada quilómetro de AVE ten un custo medio arredor dos 2.000 millóns de ptas ou que un hospital medio e moderno custa o mesmo que un dos 27 km do túnel de Guadarrama previsto.
O seu prezo convérteo nun transporte caro e elitista que se propón para unha minoría e non como un servizo público para todos e todas. E será aínda peor se se cumpre a normativa europea que obriga a que o prezo do billete reflicta os custos de amortización da infraestrutura. Segundo a experiencia do Madrid-Sevilla, quitou viaxeiros ao avión, pero expulsou a moitos usuarios do tren á estrada, á vez que deixou incomunicadas a moitas poboacións. Ao detraer investimentos do ferrocarril convencional impide a súa mellora e condenao á deterioración e á extinción, abandonando a súa concepción de transporte público ao servizo da maioría social.
4.- Provoca o desaparecimento do ferrocarril como servizo público - Non hai un plano de transporte ferroviario que contemple a mellora e modernización da rede ferroviaria actual (incluídas as liñas pechadas desde o 84). Os proxectos son megalómanos (non se están construíndo en ningunha parte do mundo vías para circular a esas velocidades de 350 km/h como aquí), apróbanse por motivos electorais e tras eles os únicos beneficiarios que se albiscan son as grandes construtoras que os levan a cabo. Os seu "aforro de tiempo" non xustifica o enorme custo de construción e o seu prazo de posta en servizo é longuísimo.
A opción polo largo internacional supón a introdución de novas barreiras e fronteiras ferroviarias. Consagraría a existencia dunha dobre rede ferroviaria: unha en largo internacional, de primeira, exclusiva para os trens AVE, que utilizarían só un 5% dos actuais usuarios de ferrocarril e con fortes investimentos; e outra en largo ibérico, de segunda, para os trens rexionais, de cercanías e de mercadorías, que utilizarían o 95% dos actuais usuarios e cun grande déficit en investimentos. Ademais, a alta velocidade é incompatíbel co transporte de mercadorías e non cumpre o requisito básico dun transporte sustentábel: o traspaso masivo de mercadorías e pasaxeiros da estrada ao ferrocarril.
Se a isto únese a desmembración de Renfe, a privatización de servizos e a apertura das liñas de ferrocarril a operadores privados para que circulen por elas, temos o panorama que nos preparan: o desaparecimento do ferrocarril como servizo público e barato, a existencia dalgunhas redes de Alta Velocidade, destinadas a usuarios de alto nivel adquisitivo, construídas e mantidas con fondos públicos e explotadas por operadores privados, e a estrada como única opción de mobilidade para a maioría.
5- As liñas AVE son totalmente innecesarias xa que cunha adecuada mellora e modernización da rede ferroviaria actual pódense conseguir velocidades máximas de 200-220 km/h polas actuais vías, utilizando tecnoloxía pendular como xa existe na actualidade no noso país (trens Talgo e Alaris entre Valencia e Madrid).
Por todo isto, consideramos ao AVE un proxecto anti-ecolóxico, anti-social e estragador de recursos, que crea desequilibrios territoriais e favorece un modelo social cada vez máis inxusto e insustentábel ambientalmente.
Propoñemos:
1- A apertura dun debate rigoroso e transparente sobre o futuro dos camiños de ferro e a conveniencia ou non de implantarmos liñas AVE, para decidirmos colectivamente as solucións máis axeitadas ás nosas necesidades reais, desde o punto de vista ambiental, económico e social.
2- Esiximos a elaboración dun Plano de Infraestruturas Ferroviarias que contemple a mellora e modernización da rede actual dando solución ás necesidades reais da sociedade, convertendo ao ferrocarril na columna vertebral dunha política multimodal de transporte.
3- Queremos uns trens modernos, cómodos, asequíbeis e polivalentes, con grande capacidade e frecuencia, que dean servizo ao territorio que atravesen e adaptado ás diferentes demandas e necesidades.
4- Esiximos un ferrocarril público, seguro e de calidade, que garanta un servizo público ferroviario que prime a rendibilidade social fronte ás políticas privatizadoras.
5- En definitiva, o potenciamento e mellora do ferrocarril, polas súas indubidábeis vantaxes ambientais e sociais. Un ferrocarril concebido como transporte público ao servizo da maioría social, que absorba tráfego de viaxeiros e mercadorías da estrada, ben conectado con outros transportes públicos, que cohesione o territorio e contribúa a reducir o desbaldimento enerxético e a contaminación que provoca o transporte, no camiño cara a unha sociedade máis xusta e máis sustentábel ambientalmente.
Unlimited Hosting
Unlimited Space and BandWidth,
Free Domain ,Free Site Builder, PHP/MySQL
www.GridHoster.com