Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Mapas de Portas

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

A MENSAXE DA TERRA E A ACTIVIDADE POLÍTICA DOS SEUS ESTUDIOSOS

BALDOMERO CORES TRASMONTE
1
OS ESCANOS E A TERRA DOS
XEOGRAFOS EMINENTES DE GALICIA

DE DOMINGO FONTAN A RAMON OTERO PEDRAYO, XEÓGRAFOS CON ESCANO

Publicado tal e como está en "Luces de Galicia", nº 13 na primavera de 1989


Dende 1843, derradeiro ano en que Domingo Fontán ocupou escano no Congreso de Deputados, ningún outro xeógrafo eminente de Galicia acadara acta parlamentaria ate que foi elexido Ramón Otero Pedrayo para as Cortes Constituíntes da II República en 1931. As misteriosas incitacións da terra nativa, entendida como estímulo físico, como facies dinámica e operativa e como chan estimulante do comportamento dos homes, das institucións e da cultura, voltaban a resoar oitenta e oito anos despois no parlamento español, por mor da palabra elocuente e desbordante de Ramón Otero Pedrayo. Si a perspectiva da galeguidade difusa, pero xa moi nidia e moi activa de Domingo Fontán acudía á terra para explicalas institucións, os comportamentos e a cultura; a militancia de Ramón Otero Pedrayo utilizaba a terra como fundamento da cultura e dos comportamentos humáns para destaca-la singularidade de Galicia como pobo e como sociedade con personalidade propia, necesitada do revestimento político que fixera coincidila sociedade civil coa sociedade política.
Domingo Fontán e Ramón Otero Pedrayo eran dous xeógrafos atípicos, entendida a súa atipicidade desde a metodoloxía e desde os esquemas estrictos de formalización conceptual utilizaron os especialistas máis técnicos das ciencias da terra coetáneos de Ramón Otero Pedrayo. Domingo Fontán era un catedrático de Matemáticas Sublimes, á que Ramón Otero Pedrayo non ten reparo en chamar cando se presenta a ocasión esgrevio xeógrafo, tendo máis en conta a aportación final que a preparación do científico galego. Fontán non limitou o seu labor cartográfico a triangular e fixalas perspectivas formais, meramente xeométricas, senón que foi fixando aspectos culturais, relixiosos, administrativos, que fan da súa obra un poliorama cultural de Galicia gráficamente formalizado. O mesmo Otero Pedrayo destaca o feito de que no Fontán, máis alá da representación gráfica, poden acharse as armuñías do contorno de Arousa, a vaguedade das planicies interiores ou a emoción do xoven val fraguado con pulos heroicos, co que a formalización liñal queda convertida en poesía da terra galega.
Ramón Otero Pedrayo, sen abandonala metalinguaxe xeográfica, que asoma decote incluso nos discursos parlamentarios, pretende a construcción dunha xeografía da paisaxe, como unha rama científica na que se misturan a estética, a plástica, a poesía, a literatura, o humanismo, todos eles criterios informais polos que se pretende entrar nos miolos da terra, da relación entre o home e a terra e as influencias que mutuamente poden xurdir de tales relacións. Na "Síntese xeográfica de Galicia", publicada polo Seminario de Estudos Galegos, en 1926, Ramón Otero Pedrayo definirá precisamente a paisaxe como unha combinación dos variados factores do relieve, vexetación, clima, traballo humán, dentro dun espacio limitado, no que se integran os elementos que separadamente non chegan a ter vitalidade expresiva. En "Paisajes y problemas geográficos de Galicia" publicado en 1930, dará unha concreción ó concepto xeral da paisaxe entendida como paisaxe galega, sinalando que poucas terras foran tan mal interpretadas. Esa mesma visión da paisaxe como totalidade vital será o miolo da súa monumental "Geografía de España. Presencia y potencia del suelo y del pueblo español", publicada en catro tomos polo Instituto Gallach en 1955.
Dun xeito directo e as veces descarnado Domingo Fontán, dun xeito máis poético Otero Pedrayo, ofrecerán ós seus compañeiros da deputación a versión inmediata da facies galega, as incitacións da fisiognómica de Galicia, como infraestructura sustantiva, para entendelas posibilidades, económicas, sociais ou políticas. Tratando de darlle un revolcón a Pascual Madoz, Domingo Fontán, na sesión do 22 de agosto de 1837, fará unha ínterante distinción entre proxecto e lexislación. Os proxectos son as teorías en materia de goberno, sin a súa aplicación ós individuos e a posibilidade de verificalas, antramentres que a Iexíslación é precisamente esto que lle falla ó proxecto, entendido este non en senso lexislativo, senón como metodoloxía. A ese senso da lexislación como indagación sobre as posibilidades de Galicia, da súa estructura social, das súas diferencias, culturais, adicará precisamente Ramón Otero Pedrayo o seu esforzo nas Cortes Constituíntes de 1931, do mesmo xeito que cunha excepcional constancia fixo o mesmo Domingo Fontán ó longo de oito lexislaturas.
A CIENCIA DE CAMPO E A CIENCIA DE BUFETE
Domingo Fontán e Ramón Otero Pedrayo son dous xeógrafos de campo, que pillaron a Galicia como unidade de análise, pateando as súas corredoi- ras e salvando todolos obstáculos que lle ofrecía a paisaxe. Para Domingo Fontán as aplicacións do coñecemento científico, por moi sublime que fora, eran o fundamento da acción do científico, nun intre en que a teoría do progreso indefinido actuaba como un motor de intervención social da ciencia. Cando Fontán se interesa pola cartografía, ainda que o fai por preocupacións teoréticas inicialmente, faino xa pensando nas aplicacións, o que será xa unha meta cando se lle pida que faga o trazado das posibles estradas galegas. Para Ramón Otero Pedrayo, o labor de campo, terá un senso máis felicitario que para Domingo Fontán, de xeito que o pateo das corredoiras queda convertido en peleriñaxe.
As alusións á relación directa e inmediata co chan galego serán continuas en Domingo Fontán:
"...Yo, que tengo presente en mi imaginación la posición de todos los pueblos, ni más ni menos como ahora veo los objetos que encierra este salón...", dirá na sesión do 19 de decembro de 1836, para dar a coñecela problemática galega. O 10 de setembro de 1937 contestará a outro deputado que decía que Fontán non sabía de montes: "Al que encareció trepando sierras, al que recorrió los montes de Galicia y gran parte de Asturias y León, al que levantó una carta geométrica que comprende más de mil cíen leguas cuadradas y un país montuoso, mal puede decírsele que nada entiende de montes...". Estas descripcións persoais, utilizadas co fin de rebatilas discusións abstractas dos seus preopinantes, permiten ollala inclinación de Fontán pola evidencia sensorial, xa dentro dunha metodoloxía positivista, coa que atendía as esixencias do debate en Cortes.
En 1929, Ramón Otero Pedrayo adica o libro "Pelerinaxes (1)" a todolos camiños de Galicia. Moitos de eses camiños, congostras, vieiros, ruas e rueiros foron pateados polo xeógrafo seguindo, ás veces, os pasos do Fontán, incluso facéndolle algunha trampa que outra, sempre inocentes, por suposto. A experiencia persoal asoma como argumento a prol dun trato diferencial para Galicia en materia agraria:
"Sobre todo, los que hemos nacido a la vida de la conciencia y del espíritu del campo, sabemos de cuán intensa y honda emoción es la vida campesina, amoción experimentada desde el momento en que los primeros hombres lograron transformar el medio hostil, haciéndo lograto para la existencia", dixo en Cortes o 18 de maio de 1932. As lembranzas do carballo milenario, a experiencia de camiñante, aparecen no discurso, como instrumento de reforzo da elocución. Pero, ainda que o razonamento ten sempre dimensión poética en Otero Pedrayo, tampouco lle faltou a Domingo Fontán en algún arranque especial, porque os sacrificios deixaban paso a intres de sentimento especial, como cando di: "Yo he tenido momentos de vivo placer cuando desde la cumbre de las montañas, a dos o tres mil varas sobre el nivel del mar, gozaba del vasto horizonte; yo me complazco aun en estos recuerdos", en sesión do 21 de xuño de 1838. Para aqueles que teñan unha imaxe fosca de Domingo Fontán, entre os que haberla que contar a moitos dos seus poucos alumnos, e alguns pais, esta nota poética e moi ilustrativa, indicador do espirito que ha pór nunha obra de tanta envergadura técnica.

A CARTA XEOMETRICA DE GALICIA, MONUMENTO POLISEMICO
Para Ramón Otero Pedrayo, "o Fontán", así familiarmente chamado, era un monumento polisémico, no que se refreixaba gráficamente a historia e a cultura da terra galega. O xenio de Domingo Fontán, a parte do traballo e da imaxinación que supuxo facelo mapa, buscando os pontos xeográficos que estimou máis axeitados, estivo en dar unha dimensión da cultura humán e do esforzo creador do home sobre a terra. Ramón Otero Pedrayo dixo, en sesión parlamentaria do 18 de maio de 1932, que Galicia era un pobo escultor, porque o home, loitando contra dos elementos, crearon sistemas maravillosos para sostelo cultivo das viñas e das hortas. Ese escultor da terra galego, que foi o pobo, as institucións dominantes, os feitos de cultura, están puntualmente recollidos no mapa e ben explicadas nas referencias de signos e abreviaturas. De un instrumento útil, Domingo Fontán fixo da Carta Xeométrica un feito total de cultura, pasando, por elo, a formar parte da cultura galega como monumento polisémico e sustantivo.
Non deixa de ser chocante que Ramón Otero Pedrayo non adicase un libro especial a vida e a obra de Domingo Fontán. Espallados pola súa longa e estensa obra aparecen de cote xuicios, adxectivos, evocacións de Domingo Fontán, pero non se empeñou nunha monografía especial e exhaustiva, como fixo, por exemplo, con Bedoya, Feijóo ou Xosé Varela de Montes. Nas citas que fai do Mapa, do Fontán, parece como que se establece unha separación entre o autor e o obxecto, o seu grande producto, como si a obra, esa obra específica, fora moito máis importante que o proprio autor ou como si, en realidade, se tratara dunha obra anónima, chegada ate ás súas mans sin autor coñecido. Así como fai a personificación dos camiños, levando pola súa fantasía literaria, Ramón Otero Pedrayo personificou a Carta Xeométrica, quizais dándolle dimensións culturais ainda máis extensas que a que o seu proprio autor pretendía cando pasaba tantas penurias para facela e para publicala.
"O Fontán" e, pois, un monumento polisémico da cultura galega, que, desbordando a función nidiamente denotativa da representación cartográfica, das funcións instrumentais, acada siñificados culturais máis profundos, en cumprimento de funcións subxacentes ou implícitas. Ramón Otero Pedrayo tentou de ollar no Fontán, aparte da función instrumental, de indicador de axentes e de elementos xeográficos e culturais, outros aspectos máis agochados na conciencia da xente e na conciencia do propio escritor e xeógrafo. O que non fixo Otero Pedrayo foi falar do Fontán en Cortes, como falou, en cambio, de Gallástegui ou de Xohan Vicente Viqueira, a quen lembrou como un dos psicólogos máis notables dos tempos contemporáneos de España, se ben negándolle, en forma discutible, que fora home pouco levado pola paixón lírica. As funcións que, en resume, cumple o Fontán na cultura galega, dentro dese marco polisémico, poden clasificarse en efectivas e en instrumentais.
Ramón Otero Pedrayo capta no Fontán funcións subxectivas, tanto subxectivas de si mesmo, como de pobo que mira en determiñados momentos o Mapa, como dos personaxes de ficción que crea nalgunha das súas novelas. O Fontán formou parte das súas primeiras vivencias vitais, como explica en 1974, cando sinala que foi toda a súa vida fiel ó Fontán, e que "como muchos gallegos y no gallegos soy desde niño discípulo fiel y agradecido de este mapa, el "Fontán" como se le llama generalmente. Presidía el despacho de mi padre en nuestra vieja y amada casa de aldea. De niño, subido a una silla o a la mesa, seguía el curso de un río, el ondular ascendente de una región de chaos...". Esa subxectividade na visión do Fontán foi trasladada a emoción que supuxo para Otero Pedrayo ollar como en Bos Aires a xente emigrante vía algo más profundo que liñas de cores. "Centos de olladas galegas o consideraron -dixo Otero, en "La Noche", do 2 de decembro de 1947
- En moita houbo bágoas, en todas ledicia dunha revelación, lembranza feita de súpeto corpo e claridade diante dos ollos". A terceira forma de expresión da subxeitividade, xa con carácter de ficción, fíxoa Otero Pedrayo en "Arredor de sí", novela publicada en 1930, no que un dos persoaxes xa nas ultimas quere velo mapa grande denantes de morrer.

AS FUNCIÓNS INSTRUMENTAIS E CARTOGRAFICAS DE FONTAN
A transustanciación fática, emocional e sentimental do Fontán, non impedeu a Ramón Otero Pedrayo miralo como un instrumento xeográfico, como elemento de traballo nas súas andainas de xeógrafo cos ollos abertos e coa mirada de xeógrafo da paisaxe, aberto ós fíos estéticos e plásticos da terra nativa. A función cartográfica, coa capacidade para presentar graficamente as diferencias das terras, foi destacada por Ramón Otero Pedrayo, o frente a "Historia de Galicia", da que foi director. O carón de Elías de Beaumont, de Guillieron, de Wrede, coa aplicación das variedades da forma ó relieve, a lingua, as rexións, Otero Pedrayo non esquece o esforzo de Domingo Fontán: "Calquer viaxeiro da Galíza pescuda sin traballo a coor e tónica das rexións na "Carta Geométrica" de Fontán"...
A función comparativa consiste en utilizalo Mapa de Fontán para describir ou explicalas analoxías ou as diferencias con outras situacións ou outros feitos. A comparación histórica e un aspecto importante do uso instrumental do Fontán para recoñecelos pasos sutís da paisaxe e das terras. En "Un horizonte gallego", Otero Pedrayo tratará de recoñecelo esforzo do escultor, do home galego, nos cambios da facies do chan: "Como nosotros necesitamos de un esfuerzo para imaginarnos las bocarribeiras esmaltadas de castaños y las quiebras determinadas por las formaciones de robles, D. Domingo Fontán tendría que mediar y esforzarse hoy para entender la nueva cromática y arquitectura de la composición vegetal". A evolución do pasado por medio do Fontán está, tamén, explicitada en "Recuerdo de la Exposición Agrícola, industrial y Artística de Galicia de 1858", publicado en "La Noche", do 10 de abril de 1958, no que di que: "La lectura con un mapa - el de Fontán -a la vista nos hace revivir con suficiente y emocionada realidad la Galicia preocupada por la restauración de los viñedos destruidos por el oidium..."
A función indicativa e unha función instrumental, pola que o Fontán se convirte nun aparello utilitario, para o recoñecimento dos accidentes xeográficos. Na "Guía de Galicia", Ramón Otero Pedrayo cita en primeiro lugar a Fontán, ainda que chámalle Antonio Domingo, un erro material, sin dúbida, para citar logo outros mapas de Galicia, como o de Tomás López e outros de interés histórico. Pero, por moita que fora a autoridade do Fontán para Otero Pedrayo, tampouco era cousa de taparlle os defectos, propios de toda obra humán. En "Pelerinaxes"(l), adica un capítulo a "Unha infidelidade ó Fontán", sinalando que ate ese intre foi o seu conselleiro e que o viaxe foi un calco do itinerario do matemático sublime, escoitando unha indicación mintireira, ainda que logo, como sempre, e aplicable aquelo de que non hai atallo sin traballo.

(Revista nº 1)

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1