Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

A SÚA VIDA

Autor: José Luis Vila Fariña

17 de abril de 1788. Nace Domingo Fontán no lugar de Portadeconde (Santa María de Portas). Fillo de Rosendo Fontán e de Sebastiana Rodríguez.
19 de abril de 1788. É bautizado na igrexa de Santa María de Portas.
1794. Fontán comeza a estudiar na parroquia de Baliñas. Anos máis tarde sería en Búa (Barro) onde estudiaría Latín.
4 de abril de 1800. Sebastián Rodriguez Blanco, tío de Fontán, inicia o seu ministerio sacerdotal en Noia. Neste año, cumpridos os 12 anos, inicia Fontán os estudios de Filosofía na Universidade de Santiago.
21 de maio de 1802. Fontán faise Bacharel en Filosofía na Universidade de Santiago.
De 1802 a 1803 estudia terceiro de Filosofía co Dr. Manuel Gallego Moreira, natural de Pontedeume. Cursa Bacharelato en Leis e Cánones. Neste ano, pola Paz de Amiens, España recupera dos ingleses a Illa de Trinidade.
De 1803 a 1804 estudia Teoloxía co benedictino Frei Teodosio Mosquera, natural de Chaioso (Maceda-Ourense).
De 1804 a 1808 estudia as tres partes da Suma de Santo Tomás co dominico Frei Manuel Alvariño, Vicario Provincial da súa Orde.
1806. Con 18 anos cursa licenciatura en Teoloxía.
1807. De 1807 a 1808 Fontán estudia ademais Lingua Hebrea co mestre asturiano Frei Filipe González Abarca, Comendador dos Mercedarios de Conxo, Doutor en Teoloxía, mestre nas Linguas Hebrea e Grega, e que chegou a ser Bispo de Ibiza en 1816 e de Santander en 1829. Fontán remataría o curso co santiagués Filipe Rey Porto.
De 1808 a 1809 estudia Sagradas Escrituras co Dr. de Teoloxía Antonio Javier Alvarez.
1809. Estudios de ciencias exactas e naturais por parte de Fontán. No estudio de Matemáticas durante dous anos escoita as leccións do Dr. José Rodríguez.
En 1811, substitúe ó Dr. don Antonio Sarmiento, catedrático de Retórica. Por esta época impartía francés e inglés na Escola Militar do IV Exército de Compostela.
O 20 de xullo de 1811 recibe o grao de Licenciado en Teoloxía na igrexa da Universidade, de mans do cóengo Cardeal de Santiago don Andrés Gil Villaverde. El 29 de setembro, recibe Fontán o grao de Doutor, que lle confire o Provisor don Lorenzo Ortega, cóengo lectoral de Decreto.
De 1811 ata 1813
estudiou dous anos de Institucións Canónicas.
1812-1814. Asistiu nos dous cursos ás leccións do matemático Rodríguez.
En 1812 comezou a desempeñar o Maxisterio público na Universidade nos diferentes ramos, substituíndo Cátedras de Retórica e Belas Artes, Lóxica e Metafísica.
6 de decembro de 1812. Refacendo o arquivo de Portas, o párroco da mesma, descobre que don Domingo Fontán Rodríguez "naceu e foi bautizado o 17-4-1788".
Desde 1811 a 1813 estudiou Fontán dous anos de Institucións Canónicas co Dr. en Leis e Cánones, Benito Carrera e Pazos de Probén, e nestes dous cursos asistiu á Academia de Cánones que dirixiron o Dr. Don Francisco Cernadas o primeiro ano, e o segundo os Dres. Pereira Novio e Andrés Fernández.
28 de setembro de 1813. Recibe a Licenciatura en Artes.
O 4 de marzo de 1813 interveu na sesión que tal día celebrou o claustro defendendo o memorial que o glorioso Rodríguez, catedrático de Matemáticas Sublimes, presentara un mes antes, no que pedía o abono de medio soldo dos dez anos que estivo ausente, e no que venceron os amigos deste.
Profesor substituto de Lóxica e Metafísica. Poñente para as xestións do novo "Colexio Militar" en Santiago.
No Curso de 1813 a 1814 substituíu Fontán a cátedra vacante de Lóxica e Metafísica, que pertencía ó segundo curso da Facultade de Filosofía no plan de 1807 entonces vixente.
De 1814 a 1818 foi Profesor de Matemáticas Sublimes. Doutor en Artes. Vicesecretario da "Sociedade Económica". Causa de Estado contra el, e Patiño, pola actuación nela.
O 23 de maio de 1814, restaurado o absolutismo, foi denunciado ó claustro como liberal polos Dres. Francisco Cabrera Ron e Manuel del Corral.
3 de xuño de 1815. A Audiencia de Galicia absolve a Fontán da acusación de liberal.
No curso de 1814-1815 substituíu a Rodríguez, que se ausentara novamente por razón de estudios, na cátedra de Matemáticas Sublimes, e foi Presidente da Academia de Filosofía. Membro da Comisión para a reforma da Universidade.
En 1816 gradúase de Bacharel de Xurisprudencia na Universidade compostelán, e a penas saído de aquelas aulas como discípulo, volve a elas como mestre, explicando Mecánica Industrial e Matemáticas Sublimes. Presidente da Academia de Filosofía. Protesta polo sistema de elección do Decano.
No curso de 1816-17 substituíu novamente a Rodríguez, quen xa non habería de volver de catedrático a Santiago, e tivo por alumnos ó insigne xeólogo santiagués don Casiano del Prado e ó famoso economista e viaxeiro coruñés don Ramón da Sagra.
En 1817, e por cargo concellil, foi membro da Xunta de Reparticións de Tributos, en representación do Salnés.
Por R. O. do 14-9-1817 restableceuse na Universidade de Santiago o plan de 1772, e como nel non existía a cátedra de Matemáticas Sublimes, encargou o claustro a Fontán para o curso 1818-19 da de Física Experimental que estaba vacante.
Neste ano de 1817 deu "principio á operacións da Carta Xeométrica de Galicia...".
O 12 de xaneiro de 1818, falece en Porta de Conde (Portas) a súa nai dona Sebastiana Rodríguez Blanco.
No curso de 1817-18 foi substituto da cátedra vacante de Elementos Matemáticos, que era a do primeiro ano de Filosofía no plan entonces vixente de 1807, e que obtivo en propiedade en brillantísima oposición en abril de 1818. Neste curso tivo que enfrontarse cos pais de varios alumnos, que se queixaron en instancias elevadas a El Rey en 20 e 24 de xuño de que suspendera a 108 alumnos dos 182 ós que ascendía a matrícula, por ser indispensable esta materia a todos os estudiantes da Universidade, saíndo victorioso Fontán. Inicia a triangulación da provincia de Santiago, comezando a súa amizade con José Valladares.
1819. Con 31 anos sucede a Rodríguez na Cátedra de Matemáticas Sublimes. O 2 de xullo eleva ó respecto unha instancia ó claustro da Universidade.
O 15 de xullo solicita pasar á Cátedra de Matemáticas, despois da súa accidentada estancia na de Física.
No Trienio Constitucional (1820-1823), Fontán foi secretario da Xunta Provincial de A Coruña.
6 de maio. Fontán solicita un braseiro para que nos días de humidade non se altere o instrumental.
En xuño de 1820 mediu unha base de 2.744 varas, calculando a posición xeográfica da Torre do Reloxo de Santiago.
6 de agosto. A Revolución liberal restablece o Plan de 1807 por Decreto das Cortes nese día, pasando así Fontán á de Matemáticas Sublimes, que, segundo visita realizada pola autoridade o 4 de xuño de 1821, desempeñaba con regularidade.
18 de outubro. Nomease como substituto de Fontán na Cátedra de Matemáticas Sublimes a seu irmán Andrés.
O 5 de xullo de 1821, Fontán determina a posición da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago. Regulamento de instrucción pública establecendo a uniformidade de ensinanza nos seus tres graos en todo o Reino.
O 10 de novembro o Gabinete de Física e Matemáticas Sublimes foi entregado polo Dr. don Sebastián Suárez, ó que se lle debía haber entregado Fontán, unha vez que se desprendeu totalmente da ensinanza de Física.
O 21 de xaneiro de 1823 a Dirección Xeral de Estudios manda que Fontán siga de Secretario da Deputación de A Coruña, por ser, segundo esta, necesario, a pesar de haber sido nomeado ultimamente Catedrático de Matemáticas Sublimes.
O 27 de xullo, o Goberno absolutista suspende a Fontán da súa cátedra.
En 1823 tiña concluído o debuxo das actuais provincias de A Coruña e Pontevedra, a excepción do Bispado de Tuy... dos cinco partidos meridionais e de algunhas comarcas do partido de Corcubión. Voda con dona Manuela da Riva. Colabora no "Diccionario Xeográfico" de Míñano (Mapa de a Ría de Arousa e das rías de Betanzos, Ferrol e Coruña)..
20 de outubro. Cesa como profesor de Matemáticas Sublimes, conforme á R. O. de Rexencia de 23 de xullo, por haber sido nomeado Secretario da Xunta de A Coruña.
En 1826 publicouse o que eu tiña adiantado por don Sebastián de Míñano...
22 de agosto. Por R. O. dese día firmada por Calomarde, foi "purificado", despois de haberlle rexeitado dúas instancias, en súplica da purificación, a Xunta de Santiago.
13 de outubro. É nomeado Académico de Historia de Lugo. A Real Audiencia de Galicia encárgalle o estudio da división territorial de Galicia en Partidos Xudiciais, e a de Municipios, que de momento queda en suspenso.
18 de novembro. Nace o seu fillo Félix. Vivía entón na parroquia de Santa María de Salomé (Santiago). Non contento co seu Doutorado en Teoloxía e Artes, e o seu Bacharelato de Cánones, quixo facerse Bacharel en Leis, e para elo, continuando na Cátedra de Matemáticas Sublimes, asistiu no curso 1827-28 á cátedra de primeiro ano de Dereito Romano, que desempeñaba como substituto o Dr. Rodrigo Quiroga Porras, natural de Meira (Lugo).
Fontán tamén asistiu este curso á Academia dominical de Leis que dirixía o Dr. José Alvarez Sarmiento. En 1828 "estendín a miña triangulación cara a parte oriental, medín unha segunda base de 5.975 varas... Estes esforzos meus... chamaron a atención do Excmo. señor don Luis López Ballesteros, Ministro de Facenda...". Esta base medida por Fontán, é a chamada do Corgo.
O 24 de decembro de mans do Decano Dr. don José Suárez Villanueva, recibe o título de Bacharel en Leis.
28 de febreiro de 1829. Carta desde Vigo do Director Xeral da Armada, para que se facilite axuda ós traballos de Fontán.
No mes de abril por R. O. encargáselle o trazado dos principais camiños de Galicia. Emprendendo desde primeiros de maio a últimos de novembro do ano 29 o recoñecemento e triangulación da parte meridional da provincia de Pontevedra, e a occidental da de Ourense...
6 de outubro. Orden da Inspección Xeral de Instrucción Pública para que non se lle acrediten haberes.
14 de xaneiro de 1830. Morre o seu pai don Rosendo Fontán, no seu domicilio de Porta de Conde (Portas).
22 de febreiro. R. O. acordando a dispensa de Fontán a clase. En abril Orden da Inspección Xeral, para que a Comisión de Facenda non negue os libramentos que corresponden a Fontán.
15 de outubro de 1832. María Cristina amnistía ós liberais, exceptuando ós que conspiraran contra El Rey en Sevilla, e ós que se levantaran en armas contra el.
29 de abril de 1833. R. O. comunicada polo Ministro de Fomento, para que a Universidade de Santiago facilite a Fontán en favor dos seus traballos topográficos dous barómetros, un círculo repetido, un péndulo, un anteollos astronómico e un transportador de ángulos.
En 1834 Fontán acumula a Cátedra de Xeometría Mecánica e Delineación aplicadas ás Artes no Conservatorio de Artes. Presidente da Sociedade Económica "Amigos del País". Memoria para a realización dos mapas das provincias galegas. Martínez de la Rosa, Xefe do Ministerio. En abril convoca Cortes, instituíndose dúas cámaras, a de próceres e a de procuradores.
30 de abril. R. O. do Ministerio de Interior, comunicada polo Inspector de Instrucción Pública Gómez Hermosilla ó Gobernador Civil de A Coruña, indicando que a Raíña Gobernadora ordena a inmediata impresión litográfica do Mapa de Galicia "de manera que cuanto antes pueda lograr el público los beneficios de una obra tan útil a la Administración y a las Ciencias como honorífica para el digno profesor que la ha desempeñado y para sus colaboradores. Es también la voluntad de S. M. que al mismo tiempo que se excita el celo de Fontán para que con la posible brevedad termine los trabajos de dicha Carta... se le diga que S. M. quiere que venga a asistir e ilustrar con sus observaciones los trabajos que hayan de hacerse para litografiar la Carta con la debida exactitud, y que durante su ausencia de Santiago conserve los destinos que allí obtiene y los emolumentos respectivos".
12 de setembro. R. O. comunicada do Ministerio de Interior á Inspección Xeral de Instrucción Pública, para que se nomeen os substitutos de Fontán, sen que a este se lle ocasione desconto algún, tanto na Cátedra de Matemáticas da Universidade, como na de Xeometría, Mecánica e Delineación da Sociedade Económica de "Amigos del País".
Novembro. R. O. para que dos fondos da Universidade se reintegren a Fontán os soldos non percibidos mentres estivo suspenso e pendente de xuízo de purificación.
Decembro. R. O. comunicada polo Goberno Civil de A Coruña, do Secretario de Estado, interesando a cantidade do reintegro que se debía facer a Fontán.
21 de abril de 1834. É nomeado Catedrático de Física, Mecánica e Delineación das Artes da Sociedade Económica de Santiago, materia mandada crear coa de Química das Artes, que desempeñou en Santiago don Antonio Casares, polo Ministro da Gobernación Francisco Javier de Burgos en 1833.
11 de xullo. Nace o seu fillo Manuel. Vivía na rúa da Senra.
1 de decembro. É presentada ante a Raíña Gobernadora a Carta de Galicia.
17 de xaneiro de 1835. R. O. resolvendo que o pago das cantidades suplidas por Fontán ós seus substitutos, das que se lle habían de reintegrar, debe facerse dos fondos aplicados para dotación dos demais catedráticos, ou en prorrateo entre estes. Por R. O. de 17 de febreiro é elevado ó cargo de Director do Observatorio Astronómico de Madrid.
1 de maio. Por R. O. créase a Escola Especial de Enxeñeiros Xeógrafos.
7 de xullo. R. O. do Ministerio de Interior, na que se fai expresión do soldo que se lle concede a Fontán (24.000 reais e de dereito de viuvez á súa familia), e disponse que continúe no percibo dos seus haberes universitarios ata o día que demostre haberse posesionado do seu destino, así como o de unha asignación de 1.000 reais mensuais polos que gozaba por outra R. O. de 29-1-1835. En claustro do 6 de agosto sóubose que S. M. lle nomeara ademais Catedrático da Escola de Enxeñeiros Xeógrafos. Desde entón Fontán desenrola a súa labor en Madrid.
15 de xullo. Carta de Fontán á Universidade de Santiago, agradecéndolle a súa educación, e o de formar parte do claustro.
Por R. O. do 25 de febreiro de 1836 é nomeado membro da Comisión encargada de proporcionar un Sistema de Pesas e Medidas.
17 de outubro. Apertura das Cortes Constituíntes convocadas polo Goberno que presidía don José María Calatrava, saíndo Fontán elixido pola provincia de Pontevedra. O 25 deste mes era nomeado membro das Comisións parlamentarias de Mariña e Instrucción Pública.
17 de novembro. Usa da palabra para dicir que en Galicia a penas había ponte que no estivese arruinándose por falta de coidado.
25 de novembro. Contradicindo ós que pedían que fosen doadas as substitucións nas cátedras.
19 de decembro. Trátase da espiñosa discusión acerca da capitalidade de Pontevedra.
20 de decembro. Continúa a anterior discusión.
O 5 de xaneiro de 1837, Fontán é nomeado integrante da Comisión de Agricultura e Artes, e o día 18 falou moi duramente contra os privilexios e dotacións dos médicos de baños.
O 17 de marzo comunicábase ó Congreso que Fontán deixara de pertencer á Comisión de Agricultura e Artes e continuaba na de Mariña.
O 11 de febreiro falou Fontán sobre a supresión dos diezmos.
O 7 de maio, contesta a Ferro Montaos, deputado pola provincia de A Coruña, avogando pola seriedade da Universidade de Santiago, "...a lo menos me presto que allí no enseñé errores". Neste mesmo día fala da cuestión foral, así como a proposición dun lazareto en algunha das illas das Rías Baixas, co fin de que os buques que se dirixisen a Galicia non se visen obrigados a realizar corentena en Mahón. Volve a tratar da cuestión foral o 3 de xuño, e na do 1º de xullo trátase da situación do clero unha vez suprimido o diezmo.
O 4 de xullo, pedía que non se esixisen 30.000 rs. de renda para ser Senador, "Es constituir el Senado en una verdadera aristocracia de ricos propietarios aunque no tengan saber...". Ó día seguinte fala da composición das Cámaras segundo a Constitución, e na que Fontán solicita que os empregados da Casa Real non poidan ser deputados. Na xornada do día 6 pedía que os Arcebispos e Bispos puidesen ser senadores fóra da provincia na que residisen, non como a Comisión propuña, fóra das provincias en que exercesen xurisdicción, na sesión do 8 de agosto fala das desfeitas causadas polos franceses no seu pobo de orixe. Mentres esto acaecía en Madrid, na sesión do 2 de agosto, celebrada pola Sociedade Económica de Santiago, don Antonio Casares, por aquel entonces Licenciado en Farmacia, e máis tarde Catedrático de Química e Rector da Universidade Compostelán, lía o seu "Análisis de las aguas minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis, con la enumeración de sus principales virtudes".
A sesión del 22 de agosto tratou sobre a supresión de algúns bispados, entre eles o de Mondoñedo, ó que Fontán con sólidos argumentos se opuxo.
Na sesión do 10 de setembro, responde enerxicamente ó deputado Fernández Baeza, quen segundo os seus razoamentos Fontán non entendía de montes. "Al que encaneció trepando sierras, al que recorrió los montes de Galicia y gran parte de Asturias y León... mal puede decírsele que nada entiende de montes...".
O 10 de outubro explica a situación real dos pobos de Asturias e Galicia. O día 22 fala das mutilacións que moitos mozos galegos se facían para non ir ó servicio militar, e o 24 pide apaixonadamente a supresión dos médicos de baños.
O 4 de novembro declárase terminada a lexislatura das Cortes Constituíntes e a mediados do mesmo mes empezaban as Cortes ordinarias que duraron ata o 1 de xullo de 1839, en que foron disolvidas. Nela saíu Fontán deputado polas provincias de Lugo e Pontevedra, pero escolleu esta, e o 18 de novembro era elixido cuarto Secretario do Congreso.
Na intervención de Fontán no Congreso o día 11 de xaneiro de 1838, sinala que "En España se postergan a los hombres que se dedican a las ciencias, al paso que se recompensa pródigamente a los empleados...".
O día 24 puntualiza: "Soy enemigo de grandes sueldos y amigo de economías", e o día 30, recomenda que os soldados estean "donde les llama el servicio de la Patria, y que nadie los oculte o retenga indebidamente...".
O 1 de marzo, en contra da posición do deputado Benavides, defende ó deputado da provincia de A Coruña, e ex discípulo seu, don Ramón da Sagra, se lle conceda licencia para ausentarse a París a realizar os seus traballos, o que obtén o respaldo da Cámara.
O día 9 ataca ó bibliotecario e famoso crítico liberal Gallardo, que cobraba 15.000 rs. para facer unha Gramática filosófica e outros 15.000 como bibliotecario das Cortes.
A Sociedade Xeográfica de París nomea a Fontán socio de dita Entidade pola súa Carta de Galicia.
O 14 de novembro fai testamento, e foi a súa albacea, a falta da súa esposa doña Manuela Riva, el Dr. don Andrés Fontán Rodríguez.
Do 31 de decembro é a carta do ex deputado Fontán desde Santiago ós electores de Galicia, e en especial ós das provincias de Pontevedra e Lugo.
1840. Fontán, tralo pronunciamento militar de Espartero, é separado do seu destino de Catedrático Director do Observatorio Astronómico de Madrid.
O 23 de novembro o ministro Manuel Cortina publica un decreto ordenando a formación dunha Comisión cartográfica, con ánimo una vez mais, de realizar o famoso Mapa Nacional.
Desde o 1 de xaneiro de 1841 é elixido deputado provincial polo distrito de A Lama.
O día 7, Fontán e Valladares opóñense á inscrición na lista electoral do distrito de Caldas ó xuíz de Primeira Instancia de dita vila don Lorenzo da Fonte e Feijoo, por opinar que "non estaba nas facultades da Corporación coñecer de dita solicitude antes do término prefixado". Reside por estas datas Fontán na calle Acibechería de Santiago. Preside como máis antigo dos doutores a licenciatura de don Antonio Casares, en Química. É elixido deputado a Cortes por Pontevedra. Nace o seu fillo Rosendo, e colabora no "Diccionario Xeográfico" de Madoz.
Con respecto ó Mapa Nacional, e por decreto firmado en 1843 polo político e xeógrafo don Fermín Caballero, ordénase a formación dunha comisión que se dedique á triangulación xeodésica da península, algo que non se leva adiante pola burocratización.
En 1845 promúlgase unha nova Constitución (23 de maio), na que os deputados sono por cinco anos, desaparecendo a convocatoria automática e establecéndose un solo foro. Tras varias viaxes a París, Fontán puido ó fin ver gravada a "Carta" en doce pedras litográficas, labor que baixo a súa persoal dirección levouse a cabo nos talleres de L. Bouffard. Crises ministeriais a comezos de 1846. Sublevación en Galicia a cargo do Xefe do Estado Maior Solís, apoiada polo Xeneral Buceta (veciño de Fontán). Solís foi apresado, fusilándoo en Carral xunto a 12 capitáns e un coronel, mandando os soldados a presidio.
No ano 1853 comézase a triangulación xeodésica total da Península Ibérica.
Ó ano seguinte Fontán asiste con La Sagra a un claustro para a presentación de curatos do Padroádego da Universidade.
Do 20 de maio de 1855, é unha carta de Fontán datada en Noia, dirixida ó seu sobriño Andrés Domingo Vidal Fontán.
Aparece Fontán en 1858 colaborando na revista "La Exposición Compostelana", nos números correspondentes ás datas 13 e 27 de xuño, e 11 e 23 de xullo.
En 1859 comeza a guerra de África, e deste ano consérvanse catro cartas familiares de Fontán ó seu sobriño Andrés Vidal, todas elas desde Noia, o 29 de setembro, o 9 e 12 de novembro, e o 5 de decembro.
1860. Sendo arquiveiro-bibliotecario da Sociedade Económica de Santiago, integra a comisión que vai realizar o estudio do tren compostelán. Por estas datas publica na revista "Compostelán" santiaguesa, un interesante traballo sobre a vía férrea a Carril. Informe sobre un ferrocarril central de Galicia. Director da Sociedade Económica.
O 4 de xaneiro de 1861, as Cortes toman en consideración unha proposta autorizando ó Goberno para que outorgue a Fontán, a Joaquín Caballero e a Inocencio Vilardebó a concesión dun ferrocarril de Santiago a Carril.
O 10 de febreiro de 1863 forma parte dos concesionarios da construcción del FF. CC. de Santiago a Carril.
O 23 de outubro Fontán realiza as indicacións para o estudio dun ferrocarril entre Santiago, Betanzos e Ferrol.
Datada en Santiago o 6 de xullo de 1865, é unha carta de Fontán ó seu sobriño Andrés Vidal.
A Fontán sorprendeulle unha doenza aguda en Cuntis, acabando alí a súa dilatada e fecunda vida na mañá do 24 de outubro de 1866. Ó día seguinte foi trasladado o seu corpo a Santiago, dándoselle sepultura no cemiterio xeral, nicho número 306, de súa propiedade. O seu cadáver foi incinerado na capela das Animas pola Cofradía de Sacerdotes de Nosa Señora da Concepción. A partida da súa defunción transcribiuse no folio 30, libro correspondente de San Andrés. As súas cinzas estiveron na urna cineraria número 51 do Concello de Santiago, que as solicitara á familia en oficio de 21-5-1913 co propósito de ser trasladadas ó Panteón de Galegos Ilustres, feito que se verificou o 30-12-1988. En dito oficio prometíase por parte do Concello colocar unha placa na casa número 19 da rúa do Villar, na que viviu Fontán.

Autor: Xosé Lois Vila Fariña

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1