Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

A parroquia de Briallos

A parroquia de Briallos que antes de 1.835 pertencía igual que Portas á Xurisdicción de Peñaflor e que hoxe pertence a este Municipio, é a máis pequena das catro parroquias que integran o Concello de Portas. Ten unha extensión superficial de 3,7 quilómetros cadrados distribuídos entre as súas nove entidades, cunha poboación de 580 habitantes e unha densidade de 156,5 h. por quilómetro cadrado.
Os edificios máis nobres da parroquia son a Igrexa parroquial de San Cristovo e a ermida de San Roque.

A Igrexa reconstruída no ano de 1.727 segundo data que aparece sobre a porta da fachada principal, levantada posiblemente no mesmo lugar onde existía a primitiva parroquial, que polo seu mal estado ou a súa reducida capacidade houbo de substituírse.
No interior son interesantes os retablos pertencentes ó século XVIII datan da construcción da igrexa e un retablo de pedra que parece de estilo renacentista e que ben puido pertencer ó templo anterior.
A capela non presenta sinais dignas de mención acaso pertenza tamén ó século XVIII e se atopa no lugar de Castro, onde se celebra a festa de As Lurdes.

Son interesantes o cruceiro así como o peto de ánimas que se conservan nas proximidades da estrada xeral e outros dous cruceiros que se conservan no lugar de Outeiro.
O conxunto que forma o peto de ánimas posúe unha fermosa talla e unha inscrición que di: polas ánimas do purgatorio. Reformado por herdeiros de Manuel Herosa e familia ano de 1.898.
A fidalguía non aniñou nesta parroquia, polo menos, non quedan pazos nin mansións significativas que indiquen a súa existencia. Sen embargo hai que mencionar un escudo coas armas dos Mariño (a serea) que se conserva na casa dos señores Maquieira. Parece que os Mariño son oriúndos da illa de Sálvora e que en Briallos asentouse Juan Mariño de la Barrera y Lobos feito cabaleiro da Orden de Carlos III o 14 de xullo de 1.784 e tivo aquí a súa casa á que pertenceu o mencionado escudo.

Tampouco se viu libre Briallos das cargas forais, sendo a máis importante, a que se pagaba ó Priorado de Barosa, que pertencía ó Real Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago de Compostela e que debeu abarcar grandes extensións de terreo, pois no ano 1.842, foi arrendado dito foro de Barosa como renda fixa para froitos a Felipe García de Caldas en 7.580 reais cun tercio de presente e o resto a prazos, cantidade moi superior se a comparamos co Priorado de Lantaño que foi adxudicado a Agustín Gómez na mesma data e a prazos en 2.210 reais. Estes foros pertenceron ó clero secular e regular, segundo B.O. de Pontevedra editado o luns l de agosto de 1.842 sendo raíña dona Isabel II e rexente D. Baldomero Espartero, Duque da Victoria.
O camiño portugués, ó saír de Coruto, intérnase na parroquia de Briallos onde o Concello posúe un albergue de peregrinos.
Entre os personaxes a destacar da Parroquia figuran dous importantes relixiosos:
D. Antonio de Herosa, franciscano que vestiu o hábito cara o ano 1.714 e antes de 1.725 pasou ó colexo-seminario de Herbón (Padrón) sendo gardián do mesmo desde 1.745 a 1.749 onde faleceu en 1.764. Posuído dunha gran vocación relixiosa e movido polo afán de que o seu convento estivera sempre en orden dedicouse durante un ano desde 1.755 ata 1.756 a rexistrar e ordenar todo o seu arquivo. A partir deste último ano 1.756, inicia a escritura dun Memorial onde relaciona todas as cousas importantes deste Colexio Seminario de Propaganda Fide de San Antonio de Herbón desde a súa primitiva fundación acaecida no ano de 1.396 ata o tempo do presente ano de 1.756, o cal terminou de compoñer o 14 de novembro de 1.759.
Este interesantísimo manuscrito moitísimas veces consultado e que permanece inédito, nos permite coñecer non só a historia deste célebre convento de misioneiros senón que nos proporciona unha abundante variedade de noticias sobre os aspectos da vida relixiosa, social e económica da súa zona de influencia...
Este memorial, milagrosamente conservado, unha xoia da historiografía galega do século XVIII encóntrase na actualidade no arquivo do convento de San Francisco de Santiago.
O Padre Herosa merece ser recordado, non só como historiador senón tamén como fervoroso predicador do que se conserva un importantísimo libro de sermóns o que constitúe non só unha valiosa testemuña documental dos métodos misionais dos frades do mosteiro de Herbón senón que pode considerarse un espléndido complemento da obra anterior (Todo elo segundo José Luis Soto).

Cruceiro e Peto das Ánimas

Digno de recordar é tamén a figura D. José de Goldar, nacido en San Cristovo de Briallos, que en 1.732 profesou como relixioso Franciscano, pasando ás misións de América, onde foi un de los fundadores do Colexio de Chillán, encomendándoselle a dirección no ano de 1.757. Sendo misioneiro durante 25 anos. En 1.795 nomeóuselle Vice-Comisario de Misións, escribindo un extenso informe sobre a situación e progresos das misións entre os Araucanos de Chile (datos segundo Couceiro Freijomil).
Estes personaxes honran ó Concello de Portas pero dunha maneira especial á parroquia de Briallos berce do seu nacemento.

(Revista nº 2)

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1