Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

As cinzas de Domingo Fontán xa repousan no Panteón de Galegos Ilustres

Dende o venres 30 de Nadal de 1988, as cinzas do cartógrafo e matemático Domingo Fontán Rodríguez descansan no Panteón de Galegos Ilustres, sito no convento de San Domingos de Bonaval, entre Rosalía de Castro e de Ramón Cabanillas. Todos os xornais de Galicia fixéronse eco deste traslado.
Descansaban os gloriosos restos mortais de Fontán no cemiterio xeral de Santiago desde o seu pasamento acaecido o 24 de outubro de 1866. O Diario Oficial de Galicia do 19.4.1988 publicaba o acordo do Consello de Cultura Galega da apertura dun expediente para declarar a Don Domingo Fontán Rodríguez galego ilustre, con dereito a ser soterrado no Panteón das meirandes personalidades do País Galego. Aprobados todos os trámites, ás cinco do serán do 30 de Nadal, procedeuse ó depósito das cinzas de Fontán en San Domingos de Bonaval. O acto estivo presidido polas diversas personalidades da vida política e cultural de Galicia, entre eles o Xefe de Executiva galega Fernando González Laxe; o Conselleiro de Cultura Alfredo Conde Cid; o Presidente do Consello da Cultura galega Ramón Piñeiro, e o director do Museo do Pobo Galego, Antonio Fraguas.
Tamén se atopaban neste histórico e emocionante acontecemento Tomás Pérez Vidal; o Delegado do Goberno central en Galicia García Sabell; o Alcalde de Santiago Xerardo Estévez; o Presidente da Real Academia Galega de Ciencias Naturais, Ernesto Vieitez Cortizo; o Presidente da Fundación do Padroádego Rosalía de Castro, Agustín Sixto Seco; o Director do Instituto Xeográfico Nacional, Anxel Arévalo, e o Alcalde de Portas Xosé Manuel López, acompañado dalgúns concelleiros do noso Concello. En representación da Asociación Cultural "Domingo Fontán", asistiu o Director da revista "Domingo Fontán", Xosé Lois Vila Fariña. Con toda unha ausencia moi notable: o pobo de Portas.

O noso alcalde na súa intervención, subliñou a labor de investigación de Fontán e a súa importancia coma o primeiro xeógrafo "que ofreceu o rostro de Galicia". Antonio Fraguas manifestou que o traslado de Domingo Fontán ó Panteón de Galegos Ilustres era un vello desexo que agora se vía satisfeito. Subliñou Fraguas o entorno do espertar científico no que Fontán traballou, e a fonda preocupación por Galicia que amosou constantemente en todas as súas manifestacións. Así dicía Don Antonio no remate da súa intervención:
"El, que sempre mantivo a idea de que os problemas de Galicia non se podían resolver dende Madrid, soubo levar na fronte unha estrela e nos beizos un cantar".
O Alcalde de Portas xunto con Ramón Piñeiro, puxeron a caixa de madeira coas cinzas de Fontán no oco mortuorio do chan do Panteón, ó tempo en que na súa memoria interpretábase o Himno de Galicia, coa fonda emoción de tódolos alí presentes.
A derradeira intervención foi a de González Laxe que salientou que Fontán foi un dos que procederon "á labor fundamental de Galicia". Para o Presidente galego este xeógrafo compaxina as dúas vertentes que o premio "Galicia" de investigación e promoción cultural recoñece para dúas persoas: "Este ano que remata - dixo - estivo cheo de ledicia, porque conmemoramos o nacemento de dúas persoas ligadas intimamente ó noso País: Otero Pedrayo e Domingo Fontán".
Domingo Fontán, unha das personalidades fundamentais da Ilustración en Galicia, Profesor de Retórica e Matemáticas, autor do primeiro mapa que en España se fixo cunha perspectiva científica, Deputado a Cortes pola provincia de Pontevedra, un dos percusores do Ferrocarril na Nosa Terra, Director do Observatorio Astronómico de Madrid, recibiu a meirande distinción que Galicia a través dos seus entes culturais dedícalles ós seus distinguidos fillos. Agora ben, para que se principie a recoñecer a labor de Fontán a nivel oficial, houbo que esperar 122 anos desde a súa morte.
Como antes dixemos, o meirande ausente deste acontecemento foi o pobo, e en especial os veciños de Portas. Aínda que se desexe, non se poden xustificar as ausencias neste acto. Cos medios de comunicación que hoxe en día existen, e incrible pensar que non se convocase ben por bandos, pola radio ou por outras vías polo menos ós veciños da parroquia onde naceu Fontán.
¿Qué de dirixentes temos, ben sexan a nivel autonómico ou local, que non saben - ou non quixeron - convocar, os primeiros ós galegos en xeral e os segundos ós veciños de Portas en particular, para renderlle coa presencia de todos o merecente tributo popular de agradecemento que o bo de Fontán precisaba?.
Os que alí estabamos tíñamos a sensación de que as cousas estábanse facendo ás "agachadelas". Pouco máis de corenta asistentes - tirando a xenerosos medio cento - atopábase neste histórico acontecemento.
Fontán pasou ó Panteón de Galegos Ilustres, coma si fose un membro de segunda clase, e da noxo pensar que o traslado dos gloriosos restos daquel que deu todo por Galicia, foi feito ó que parece máis por compracencia ou por facer algo, que por crer nos méritos do homenaxeado. ¿Pódese doutro xeito entender a ausencia do pobo galego neste acontecemento?.
As conversas dos que alí nos atopábamos apuntaban a un total desinterese dos veciños de Portas encol deste feito. Eu non o creo así. O desinterese, necidade, apatía e desprezo están naqueles que tendo a obriga de comunicar, calan. Os nosos políticos nos que semellan privar máis os intereses de partido que a propia realidade dos veciños, coidan non ter ollos para ver, nin esquecementos para escoitar, e o maior desprezo para Portas, foi intentar monopolizar a figura de Fontán a nivel dos distintos partidismos políticos, e non nos doe prenda ó dicir, que a súa estulticia - veña de onde veña - privou ós veciños tanto de Portas como da Comarca do Salnés, do feito da homenaxe popular que o xeneroso Fontán se merecía, e parodiando aquelo que no seu día se dixo con respecto a Castelao, e ben que consignemos o seguinte:
FONTAN É DO POBO GALEGO E NON DOS CACIQUES.
Teña Don Domingo a paz que se merece xa lonxe de todos os mangoneos mundanos, e confiemos en que sempre haxa un corazón bo e xeneroso en Galicia ou en calquera outra parte, que ó entrar en San Domingos de Bonaval leve nos beizos unha oración de gratitude para aquel que deu todo por Galicia, e que a pesar diso sigue sendo o meirande descoñecido na súa propia Terra.

(Revista nº1)

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1