Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Mapas de Portas

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

UNHA XORNADA MEMORABLE NO SALNÉS

Domingo Fontán xa ten un monumento en Portadeconde (Portas)

Na data do 17 de abril de 1988, fixo xustamente douscentos anos, de que en Portadeconde, lugar da parroquia de Santa María de Portas, nacía un neno, o cal andando o tempo sería o mellor xeógrafo que tivo Galicia.
Facía tamén xustamente dous séculos, de que as choivas e os temporais foran moi soados no País Galego. E velaí que neste cabodano do nacemento de Domingo Fontán, volveu a choiva a facer acto de presencia -aínda que non con tanta forza e estragos coma entón, cando xustamente non era cobizosa a súa compaña, precisamente no intre en que Portas inauguraba o monumento ó seu fillo máis ilustre.
Pero aínda que pasado por auga, este domingo 17 de abril, quedará para sempre presente nos centos de persoas tanto de Portas coma doutras parroquias veciñas, que se deron cita en Portadeconde para honrar coa súa presencia esta gloriosa efemérides tanto para Galicia como para España.

As doce do mediodía, ó tempo que a Banda de Música da Unión de Lantaño interpretaba o Himno Galego, e os fogos comunicaban a toda a bisbarra esta celebración, o novo veciño de San Andrés de Caldas, Xavier Touceda, quen precisamente nesta data cumpría os 23 anos, procedía moi emocionado á descuberta da súa obra escultórica, que vén a ser unha unha reproducción en granito do cadro de Esquivel, o pintor que no seu día retratara a Fontán.

Presentes nesta celebración, xunto coa primeira Autoridade Municipal, o Alcalde de Portas, Don Xoán Manuel López, atopábanse diversos representantes do mundo da Cultura, do Instituto Xeográfico, dos concellos veciños, así coma os compoñentes que neste intre forman a Comisión Xestora da "Asociación Cultural DOMINGO FONTAN" de Portas, presidida por Don Aurelio Louro Buceta. Os demais membros son Emilio Perez Hermida (Vicepresidente) e Agustin Salgado Abalo (Secretario); Roberto Vazquez Souto (Tesoureiro), e os vocais: Xose Collazo Porto; Hipolito Pallares, Xavier Lueiro, Manuel Doeste e Andres Duro.
O profesor Don Xosé Filgueira Valverde tivo ó seu cargo, a disertación encol da figura e obra de Fontán, que aínda que curta debido ás inclemencias climatolóxicas do día, non por iso estivo falta de fondura e de interese:
"Penso neste día malo, neste día en que é tan difícil andar por estes camiños da Nosa Terra, penso en Fontán camiñando en días así por toda Galicia, de aldea en aldea, de lugar en lugar, de parroquia en parroquia... Anos e anos para facer o primeiro grande intento xeométrico que se levou a cabo en España despois de que tivera investigado a altura da Torre da Catedral, e que tivera sinalado as súas bases xeométricas para o seu traballo.
Penso tamén naquel Fontán neno, que andaría por aquí por estas corredoiras vosas de lugar en lugar, de pequeno, camiñando á escola, onde un mestre con moi poucas letras e ningunhas Matemáticas tiña que guiar os seus primeiros estudios.
E penso nesta Terra a vosa, tan fermosa, neste Val do Salnés, nesta terra de Portas, en Portadeconde, todos estes lugares e parroquias teñen influído nel entón".

Así encomezaba o Sr. Filgueira Valverde o seu discurso encol do autor da Carta Xeométrica de
Galicia. No pouco tempo que durou esta disertación, soubemos dun Fontán que xa dende raparigo mostraba unha grande curiosidade pola Ciencia. Con poucos anos o vemos en Noia, onde aprende idiomas cos refuxiados franceses que non estaban de acordo coas ideas da Revolución. Ós 14 anos conseguía o título de Bacharel, e pouco despois xa o vemos estudiando Artes, Letras, Canons, Leis, deica chegar a ser o primeiro Enxeñeiro Xeógrafo de España, tocándolle dirixir a primeira Escola, a primeira formación dunha Ciencia nova.
Acababa de cumprir Fontán os vinte anos, España pola inoperancia de Carlos IV e do seu ministro Godoy vese envolta nunha guerra sen cuartel contra o invencible Napoleón. Era a Guerra chamada da Independencia. Anos despois -como nos comentaba o Sr. Filgueira Valverde- Fontán lembraba nas Cortes o sacrificio que pasaron os veciños de Portas. Das 190 casas que había, 130 foron queimadas e arrasadas pola francesada, entre elas a de Fontán.
"Como aproveitou -sigue dicindo o ilustre conferenciante pontevedrés- esas leccións do seu gran mestre XOSE RODRIGUEZ, co cal entra a grande Ciencia da Investigación na Universidade de Santiago, un home universal que chegou a dirixir en Rusia o Grande Observatorio de San Petersburgo, como Fontán tiña que dirixir o Observatorio de Madrid".
Fálanos de seguido da colaboración dos paisanos, e do receo dos políticos. Das depuracións, expedientes e cesantías que tivo que soportar polos constantes cambios de réxime que se respiraba naqueles difíciles tempos.
Fontán Deputado. E aquí móstrase firme no seu amor por Galicia. Alguén lle reprochou que sempre estaba pedindo para súa Terra. Reproche que en Fontán era motivo de orgullo. Galicia sempre por enriba de todo. Agora ben, ¿cómo ían a comprender os de Madrid os problemas dunha Terra tan remota e aínda máis descoñecida? Galicia precisaba camiños, tiña falta dun ferrocarril, e por isto e por moitas máis cousas, foi polo que denantes dezasete anos -¡qué pronto se din! pateou Galicia na compaña dun burro, ata conseguir facer esa marabillosa Carta Xeométrica que lle presentou a Raíña Gobernadora. Alí estaban tódalas vilas, lugares, parroquias, ríos, montes... Era a fisionomía de Galicia; o Solar de Breogán era transportado así á Capital de España, para que a súa problemática fose mellor coñecida e máis pronto atendida e solucionada.
Xa no remate da súa intervención o profesor Filgueira Valverde, falaba de Otero Pedrayo -un dos meirandes coñecedores da obra de Fontán-, e da disertación que dera en Bos Aires:
"Otero Pedrayo sempre falaba del. Tódolos días ollaba para o Mapa de Fontán..., levou o Fontán con moito receo das Aduanas a Bos Aires, para que lle servira de guieiro nunha conferencia. Despregouno diante do público, e en lugar de ter uns papeis, un guión, unhas notas, falou do Fontán con tanto fervor, con tanto entusiasmo, con tanto agarimo, que ó remate houbo a máis longa ovación que Otero Pedrayo recibiu na súa vida. Unha ovación tamén para Fontán. Pero sobre todo, ó remate unha velliña subiu deica o estrado, achegouse ó Mapa de Fontán, e bicou neste lugar de Portadeconde, onde hoxe tendes esa estatua del coma un veciño máis voso, coma un exemplo para todos: para os nenos, para os mozos, para os que guiades este Concello. Como tamén é unha testemuña de gratitude que ten esta vila, que teñen estas parroquias, estas xentes de Portas e do Val do Salnés, e dos outros concellos lindeiros, cara este persoeiro que é un dos grandes Homes de Galicia, e que ten que ser sempre un guieiro e un exemplo para todos nós. Nada máis. Moitas gracias".
Un caloroso e longo aplauso premiou estas verbas de Don Xosé Filgueira Valverde, quen moi emocionado nos daba a súa impresión desta histórica, aínda que mollada xornada:
"Para min é unha xornada de moita emoción, porque eu dende fai moitísimos anos, polo menos dende fai sesenta e catro anos-, téñome ocupado de Fontán. Despois participei nos homenaxes que se lle renderon: O que fixo o Instituto de Estudios Galegos; o do Museo de Pontevedra; na da Exposición de Cartografía que se fixo en Santiago... Teño dado conferencias sobre el, e agora teño a honra de que se publicase nese volume fermoso do Instituto Xeográfico, a miña pequena biografía de Fontán...".

Conversamos así mesmo con D. Ramón Lorenzo García, Delegado en Galicia do Instituto Xeográfico Nacional:
"Eu penso que ten un gran significado esta data -comenta o Sr. Lorenzo porque dalgunha maneira recupera e rescata a memoria histórica. E dicir, desta maneira a xente de Portas demostra unha gran nobreza, recuperando para os seus fillos a lume da antorcha da memoria a Domingo Fontán, impedindo que esta lume quede apagada, e dalgunha maneira transmitíndolle a obra dunha persoa que traballou tanto e tan ben por Galicia e por toda España".
Síguenos comentando o Sr. Lorenzo García que "Fai uns anos a obra de Domingo Fontán, desgraciadamente estaba esquecida, dado que en Galicia existía unha cultura cartográfica pobre. Hoxe penso que estamos nun momento de cambio profundo, e dende algunha maneira entramos nunha valoración nova da obra de Domingo Fontán. Esta Exposición de Cartografía contribúe tamén a resaltar a súa obra, porque permite enmarcar a obra de Fontán dentro dos mapas que se fixeron antes e despois. Pero de tódolos xeitos, o que si é certo é que o movemento, as ideas, a inquietude e o entusiasmo das xentes de Portas están contribuíndo a que toda Galicia teña unha idea máis clara da amplitude da obra de Fontán."
Pola súa banda, Don Xoán Manuel López, Alcalde do Concello de Portas subliña que a data do 17 de Abril significa "... un gran acontecemento, debido a que Fontán é un home de aquí, de Portadeconde, sendo un gran exemplo para as vindeiras xeracións e para as actuais".
"O Concello de Portas -sigue dicindo o Alcalde-, vai a volcarse coas súas máximas posibilidades a seguir este exemplo, a buscar actividades que leven algo de Domingo Fontán, procurando asistir a tódalas exposicións do noso Cartógrafo, intentando conseguir que vaia a maior xente posible, facilitándolle algún medio de transporte si é preciso, e facendo todo o que estea nas nosas mans".

Conseguimos así mesmo a opinión do autor do monumento a Fontán, o mozo, veciño de San Andrés de Caldas Xavier Touceda, alumno da Escola de Canteiros de Poio. O traballo foi feito nun tempo récord. Comezado o 29 de febreiro e rematado o mesmo día da inauguración. Estas son as súas verbas a pouco de inaugurar o seu traballo:
Dende logo para min é un día moi emocionante, dado que é a primeira obra que fago deste xeito. Coido que a pretensión de todo artista é ver realizado o seu traballo cara os demais. Tamén é certo que tiven que cinguirme a un modelo, ó retrato de Fontán pintado por Esquivel, e aínda que esto coarta a liberdade da creatividade dun autor, síntome satisfeito por haber compracido a aqueles que en min depositaron a súa confianza, neste caso o pobo de Portas.
Cinco anos leva Xavier traballando na Escola de Canteiros, ¿cál é o futuro deste mozo de 23 anos no terreo cultural e artístico?
Agora vou seguir outra liña. Dedicareime a traballar cara unha vindeira exposición, nun estilo persoal, propio, no cal dende logo non encaixa o monumento que fixen de Fontán.
Estas foron as verbas do autor do monumento ó Cartógrafo de Galicia, verbas como non, cinguidas pola emoción daquel histórico e entrañable momento que, sen dúbida estará sempre presente tanto en Xavier como en cantos tivemos a ledicia de vivir esa fermosa xornada en Portadeconde.
Sexan de seguido as verbas do Presidente da Comisión Xestora, Don Aurelio Louro Buceta, as que sirvan de remate a esta crónica. A nosa primeira pregunta ía encamiñada a saber como se formou esta comisión:
Esta comisión formo use a raíz da xuntanza dunhas persoas co obxectivo de tratar de resaltar a figura de Fontán. Das conversas mantidas entre nós, saíu a Comisión Xestora desta Asociación. Foi legalizada polo Goberno Civil de Pontevedra en xaneiro do presente ano.
Coméntanos o Sr. Louro Buceta de que "... neste momento hai un entusiasmo, un optimismo total de que esta Asociación se manteña firme na meta prevista, no referente a Fontán e a Portas. Aínda que traballamos a nivel de comisión xestora, intentamos face-las cousas o mellor posible, desexando que a xunta directiva que no seu intre se elixa, siga sempre no camiño previsto".
Unha das preocupacións dende o primeiro momento por parte tanto do Presidente desta Asociación, coma dos demais membros que integran a mesma, era de que os restos mortais de Fontán ou ben fosen traídos para Portas ou para o Panteón de Galegos Ilustres. Pois ben, no Diario Oficial de Galicia con data do 19 de Abril, publicouse un anuncio do Consello da Cultura Galega no que se indicaba a tramitación dun expediente para declarar galego ilustre, con dereito a ser inhumado no Panteón de Galegos Ilustres, ó xeógrafo, matemático e político Domingo Fontán Rodríguez. En acatamento ó disposto no artigo 10 do Estatuto do Panteón de Galegos Ilustres, ábrese un período de alegacións que a tal efecto póidanse formular ante o citado Concello. ¡Unha profunda ledicia tanto nos veciños de Portas coma naqueles que de verdade senten a Galicia! Domingo Fontán que coñeceu o País Galego coma poucos, descansará prontamente á beira de Rosalía, Brañas, Castelao, Cabanillas e Asorey. Alí recibirá a homenaxe de tódolos galegos "bos e xenerosos".
Abril foi un mes vivido cara a obra de Fontán. Confiemos en que a cousa non quede nunha celebración feita con maior ou menor entusiasmo. O camiño dende logo non vai ser de rosas polos que se propoñan loitar polos ancestros culturais desta bisbarra, pero sen traballo e sen esforzo non ai nada.

¡Ánimo!

(Aurelio Louro Buceta - Revista nº 0)

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1