Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

Dedicatoria de D. Ramón Otero Pedrayo
ó mapa facsímile editado por D. Domingo Fontán, editada pola Asociación do Corpo Nacional de Topógrafos e impreso nos talleres do Instituto Xeográfico e Catastral, tirándose 565 exemplares numerados deles 63 en papel verxurado ingrés.
Madrid, decembro de 1.974.

Con verdadeira e profunda emoción atrévome a escribir unhas liñas de presentación da fermosa e Ilustre "Carta Xeométrica de Galicia" na forma definitiva tal como o seu autor, D. Domingo Fontán a concibiu e debuxou. Obedezo a vontade da Asociación do Corpo Nacional de Topógrafos ó atreverme a esta especie de Prólogo. Trátase sen dúbida de tan honrosa encomenda de premiar nos meus últimos anos unha larga vida dedicada ó estudio e exaltación de Galicia. E con fervoroso agradecemento aquí o consigno.
Como moitos galegos e non galegos son desde neno un discípulo fiel e agradecido deste mapa.
O "Fontán" como se lle chama xeralmente, presidía o despacho do meu pai na nosa vella e amada casa da aldea. De neno, subido a unha cadeira ou á mesa, seguía o curso dun río, o ondular ascendente dunha rexión de "Chaos" e montículos rematada na alta serra, admiraba o debuxo forte, preciso e xentil das Rías, perdíame na proliferación dos altos vales, imaxinaba o contorno afectuoso das cidades e vilas. E despois coa alma plena de imaxinados horizontes acudía á pétrea solaina para deixarme envolver na cósmica pulsación dos amplos horizontes da miña casa e da miña infancia. E era grande a miña alegría ó descubrir desde a miña solaina algunha sinal do horizonte representado no mapa: A curva do Suído, a graciosa escultura do Coto de Novelle, o trazo a un tempo firme e dubidoso do Val de Barbantiño....
Fun toda a miña vida fiel ó Fontán. Nas miñas camiñadas por Galicia levaba un calco dos vellos camiños da comarca elixida e nunca o vello xeógrafo me enganou. O mapa representa unha Galicia, case aínda do XVIII, sen outra estrada que a borbónica da dos vellos camiños laten no Fontán cas súas pontes "pedriñas" ou "taboadas", os seus descansos en posadas de arrieiros e estudiantís. É emocionante deterse nos enxamios de parroquias que poboan os vales e as costas fértiles, e como se van espaciando nas altas chairas e gándaras batidas polo vento das cumes. Saudamos as Ermidas brancas, nos seus altares de montículos, os grandes "Pazos" barrocos que imaxinamos inmersos no seu acompañamento de searas e bosques. Impoñen os grandes mosteiros, sistemáticas organizacións de silencios, soidades e aspiracións. Pero sobre todo conmóvenos o po denso, desigual, como de materia humana orixinaria das aldeas cos seus topónimos expresivos, ásperos ou suaves, célticos, xermánicos, latinos. Brillan como as Sete Estrelas. As Sete Cidades do Antigo Reino, o máis antigo e o primeiro católico de todo o Occidente europeo. A Coruña é o seu tómbolo envolto no canto mariño, Compostela na zona de antigos castros entre as diversas atraccións do Tambre e do Ulla, Vigo é un estratéxico e corto lugar, os tres elementos da fermosa vila de Cambados aparecen distintos, e Ourense a penas tocando o Miño...
Atráenos a indecisión dos brancos areais onde o vento levanta as súas queixas como no soneto De Antero. Facilmente finos e firmes trazos do mapa alédanse e vivifican coas veigas verdes ou douradas. En tempo de Fontán aínda o manto dos piñeirais, que transporta ata a montaña o tema do mar, non se estendían case unánime... En fin, todo Galicia tendida ó oeste cos seus grandes vales como flores de raíces finas e dubidosas, ó Leste abertas en corolas ó Océano coa tensión e palpitar da súa historia de todos os días se nos ofrece neste mapa, o primeiro e máis belo que obtivese unha rexión española.
O seu autor, cabeza forte de matemático, fidalgo aldeán pertence ó tempo de vigorosas personalidades (La Sagra, Parga, Varela de Montes...) que ilustraron no primeiro XIX as aulas da Universidade Compostelán. A súa "CARTA" modelo de amor e dedicación aparece agora fiel ó debuxo do seu autor, cos topónimos escritos de pluma, moito máis perfecta que na primeira edición de París, de 1.845. A imaxe de Galicia ábrese a nosoutros a través do seu firme espírito, con maior amplitude e profundidade. Galicia e todos os amantes da cultura o agradecen e cremos que todos os centos de igrexas e ermidas recordadas no fermoso mapa tocan a "maitines" felicitando á Asociación do Corpo Nacional de Topógrafos por este novo e altamente patriótico labor....

(Revista nº 2)

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1