Domingo Fontán

 

Páxina de Inicio

Cronoloxía da súa vida

Enciclopedia Galega

Cronoloxía do seu tempo

Os mapas de Galicia

Os seus mapas

Fotografías

Enlaces

Asociación Cultural

Árbore xenealóxica

Portas

ARTIGOS:

 

A HISTORIA DA

BANDA DE MÚSICA DE LANTAÑO

Non resulta fácil facer un comentario sobre o orixe da primeira Banda de música de Lantaño, con datos rigorosamente certos, cando estes se escapan a todo rigor histórico. Trataremos non obstante de que os datos subministrados se acerquen á realidade e se algún error se produce ha de se referir tan só a cuestión de datas.

  Placa dedicada a D. Ricardo Fernández Candán. Colocada no palco de música da Capela de San Bieito.


¡Que distante se atopa a data de nacemento de D. Ricardo Candán Fernández, fundador da primeira Banda de música de Lantaño! parece que veu ó mundo no lugar de Paredes polo ano 1.852, dunha familia humilde, como todos os mortais que en dita época non foran clérigos ou estivesen vinculados ós Pazos, os cales formaban co clero unha simbiose económica que cobraban ata as Hostias (Oblatas). Era D. Ricardo Candán un mozo superior á súa época, dinámico e emprendedor a quen a sorte non lle fora propicia. Estudia música, non sabemos con quen nin sequera o nivel alcanzado, pero que pronto a usará como o seu "Modus Vivendi", impartindo clases ós seus amigos e compañeiros, e na Escola Laica de Vilanoviña, lugar onde formou unha pequena agrupación musical. Tocaba o Armonium en todas as Igrexas que celebraban misa solemne ou actos litúrxicos onde o requiran.

   

Pero é en Lantaño, no lugar que o viu nacer, onde con cariñoso afán levará a cabo a obra máis grande da súa vida e de todos os seus coetáneos do entorno. A creación da primeira banda de música de Lantaño, a el todo honor e gloria lle pertencen. Este acontecemento ten lugar, segundo fontes non fidedignas, cara o ano 1.870 con músicos procedentes das distintas parroquias veciñas, alumnos froito da súa propia formación, etc..
D. Ricardo Candán, contrae matrimonio con Dna. Josefa Troncoso, ó parecer veciña da inmediata parroquia de Paradela, con quen conviviu ata o ano de 1.890, data da súa defunción. Ós 40 anos, contrae D. Ricardo segundo matrimonio, esta vez con Dna. Filomena Rial, veciña de San Bieito, coa que ten varios fillos.
Alternando coa música, monta unha fábrica de serrar madeira nas inmediacións da Capela de San Bieito, correspondéndolle a el tamén o honor de ser o primeiro industrial de Lantaño. É a partir de entonces, cando as cousas, musicalmente falando, toman un carisma nada desexable. A súa estimada banda de Música escíndese, segrega, pois algún dos seus discípulos máis avantaxados, vendo o escaso porvir da Banda, abandonan ó seu mestre, arrastrando tras si a moitos dos seus compañeiros, que dirixidos e formados polos irmáns Vázquez Poza forman unha nova Banda coñecida co nome de "Banda de Poza". Son estes por orden correlativo D. José, D. Joaquín, D. Manuel e D. Ramón Vázquez Poza, todos eles de feliz memoria.

   

Ata os anos de 1.939, data na que ten lugar a fusión das dúas bandas existentes na parroquia, será D. Manuel Vázquez Poza o que leve a batuta da súa propia banda, gañando premios nos concertos que participan. Estes son algúns dos conseguidos:
*No ano 1.934 no concerto celebrado en Ferrol obteñen o primeiro premio.
*No mesmo ano (1.934) obteñen o segundo premio no Certame celebrado en Santiago de Compostela e algún outro.
Pero para D. Ricardo a sorte estaba botada, do pequeno número de músicos que permaneceron fieis á súa batuta, deixan de selo e prodúcese unha nova e definitiva segregación, son agora os irmáns Vila: D. Elixio e D. Álvaro Vila Buceta, nacidos no lugar de Almirante, fillos de D. Xesús Vila Magariños, e Dna. Emilia Buceta Vidal. Nace D. Elixio Vila Buceta o 24 de outubro do ano 1.882, fundador da Banda de Música popular de Lantaño, con músicos que pertencían a D. Ricardo e que o abandonan definitivamente producíndose o caos para D. Ricardo co nacemento dunha nova banda que estará baixo a dirección de D. Elixio, quén recollerá grandes triunfos, si ben estivo á fronte da mesma durante poucos anos pois a morte lle sorprende na flor da súa xuventude. Sucédelle no cargo o seu irmán D. Álvaro Vila Buceta quen ven ó mundo o día 15 de xaneiro de 1.890. Será con D. Álvaro cando a Banda-Popular de Lantaño alcance o seu máximo esplendor participando en concursos e conseguindo en algúns o primeiro premio como ocorreu no Certame celebrado en Santiago de Compostela o día 28 de xullo de 1.912, obtendo o primeiro premio baixo a batuta de D. Álvaro, quen falece ós 28 anos, o día 20 de outubro de 1.918.

Coa perda desta gran figura, a Banda reséntese, facéndose cargo da dirección o seu irmán D. Hermógenes que falece o 13 de agosto de 1.931 ós 34 anos de idade.
A pesar da morte do mozo Hermógenes, a Banda popular de Lantaño continúa recollendo triunfos, agora ó mando de D. Amador Piñeiro Buceta e D. Andrés Fiúza.
Entramos no ano 1.939 final da guerra civil española, o pobo quedara sen músicos pois a xuventude fora á contenda bélica, os poucos músicos que hai neste momento están repartidos en dous grupos musicais: Os Pozas e os Vilas que actuando separados significaban moi pouco musicalmente falando. A intervención das figuras políticas do momento, a favor da fusión de ambas bandas en só unha resulta positivo, e a unión realízase co nome de UNIÓN DE LANTAÑO. Este magno acontecemento ten lugar sendo o seu primeiro director, o afortunado D. Andrés Blanco Rebornecho a quen unha pléiade de directores que a continuación iremos citando lle seguirán. Un caso insólito ten lugar ó mesmo tempo... Algúns músicos de ambas bandas capitaneados polos irmáns Barco Vila (sobriños dos directores Vila da Banda de música é a mencionada "Banda Popular de Lantaño"), resístense á fusión e forman un novo grupo musical que tomará o nome de "Los Rebeldes", nun principio diríxeos D. Andrés Fiúza, pero por pouco tempo, pois fanse cargo da Banda D. Álvaro e D. Amador Barco Vila, grandes músicos e ignoro se con afición á composición por parte de D. Álvaro, que conducirá a banda ata finais do 1.948-49 que fenecerá definitivamente, por motivos que se descoñecen.
Continúa o seu camiño a Unión de Lantaño, agora con D. Leopoldo Mayo, D. Darío, D. Juán Texidor (só de visita), D. Andrés Fiúza e xa como figura importante D. José Laguarta Gracia a quen se lle pode aplicar a célebre frase de César: Veni, Vidi, Vinci, xa que ó chegar, ver e vencer para D. José foi a mesma cousa. O cambio estructural e progresivo é evidente, une a súa personalidade á dos músicos existentes, emprende unha labor docente e formativa con novos alumnos como nunca se vira, nin creo suceda nos séculos vindeiros, os seus alumnos non son simples músicos, senón que a preparación alcanzada é tan completa que da súa man se presentan directamente a oposicións a prazas de músicos do exército, obtendo os mellores postos nos seus exames. Cabe citar entre outros a D. Antonio Caldas García: Subdirector da Banda da Garda Civil de Madrid, D. Luciano Abuín Guímarey:
Subdirector da Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa, D. Elixio Vila Vázquez: profesor e compositor, D. Marcial Fontán Vázquez: músico militar, D. Fernando Gontad Losada: músico da Banda Municipal de Santiago de Compostela, D. Xesús Constela Gómez (Loureiro) e D. Adonis Ferreiro García: músico militar, director de varias bandas de música, compositor de diversas obras entre las que citamos: Aires de Pontevedra, Pasodobre Concerto, Lantaño, P.C, Miguel, P.C, Monte Alto, P.C, o Cazador, P.C, Na Xesteira, Muiñeira, Virxe da Roca, Marcha de Procesión, Mérida N.º 44, Marcha Militar, Rexemento Isabel a Católica N.º 29, Marcha Himno con Gaitas, Cornetas e Tambores.
Todas as figuras mencionadas e moitas máis que quedan no tinteiro dignas de mención, son froito da labor incansable de D. José Laguarta, quen non só conquistou premios para a súa banda; tamén sementou a semente que daría o seu froito en vindeiras xeracións. Era tanto o amor que sentía pola música e a súa Unión de Lantaño, que non reparaba en domingos ou festivos para tela a punto nas súas academias de ensaio.
Lantaño e o Concello de Portas deben o coñecemento que deles se ten dentro e fóra da provincia á gran difusión que a banda de música, que por calquera lugar que fora deixaba moi alto o pavillón do seu concello recollendo triunfos ó seu paso.
Pero o caduco e efémero desta vida, ten o seu fin para todos os mortais e como non podía ser doutra maneira, a hora chegou para esta gran figura musical e humana, D. José Laguarta Gracia despois de 35 anos recollendo triunfos:
Premios, Diplomas, Medallas, Homenaxes etc... Un doce de febreiro de 1.992 a campá da igrexa parroquial de Lantaño con semitonado son, anuncia o inesperado. D. José morreu, o pobo viste de loito a súa alma, La Unión de Lantaño quedou orfa e a música perde unha gran figura profesional e humana.
En setembro de 1.990, Lantaño e os seus músicos réndenlle unha cariñosa homenaxe con motivo da súa xubilación. No seu honor colócase unha placa no palco de San Bieito.

  Placa homenaxe a D. José Laguarta Gracia, colocada no palco de música da Capela de San Bieito

Moi próxima a esta atópase a placa á memoria de D. Ricardo Candán.
Entre os premios obtidos figuran o celebrado nun concurso en Ourense no que se lle considera como o mellor dos directores presentados e o correspondente premio.
Noutro concurso celebrado en Pontevedra compartirá o primeiro premio coa banda de Arcade.
A Sociedade de Residentes do Concelloo de Portas e os seus contornos residentes en Bos Aires, concedeulle a Medalla de Ouro, entregada polo entonces Presidente D. Xosé Alfonso Reboredo, oriúndo de Lantaño.
Entre os traballos por el realizados debemos destacar o pasodobre titulado "de Paredes á Torre" quizá recordando os dous lugares en que viviu desde a súa chegada a Lantaño. Gloria a Don José Laguarta García.
A partir de entonces lle seguirán no cargo (nunca igualable) D. Ricardo Trinidad, D. Francisco Gargallo Seoane, D. Ignacio Estévez Álvarez e D. Santiago Neva Curtido quén desempeña o cargo de Director na actualidade.
Hai que recordar que no cambio de directores desempeñaba o cargo D. Manuel Seoane Barreiro, a quién se lle rendeu unha merecida homenaxe fai só uns días, desempeñando o cargo de administrador da Banda desde o ano 1.965 e o de Subdirector desde a xubilación de D. Manuel Vázquez Poza.

       

 

(Revista nº 2)

 

WEB construída a partir das revistas editadas pola Asociación Cultural DOMINGO FONTÁN

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1